PREVIA X20 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Industrias Santa Coloma | A deixar o obxectivo a tiro
- 56 minutes ago
- 3 min read

Terceiro partido seguido na casa despois do parón para o Noia Portus Apostoli FS. O conxunto noiés recibirá ao Industrias Santa Coloma este venres 27 ás 20:00h, horario inédito no Agustín Mourís, nun duelo directo correspondente á 20ª xornada da Primeira División FS.
Dío a clasificación e o momento: é unha cita moi importante na persecución do obxectivo da permanencia. 11º con 24 puntos e pendente o partido aprazado da xornada 18 ante Servigroup Peñíscola FS -que se disputará o martes 3-, os noieses están en disposición de dar un novo paso de xigante cara a salvación. Por achegarse a eses 30 que, virtualmente, aseguran a categoría e porque diante estará un rival a tan só 3 puntos dos brancos.

Ademais, os de David Palmas, que en principio poderá contar con todos os seus efectivos menos Leozin, teñen ganas de darlle á súa afección esa vitoria que, cruelmente, se resistiu a semana pasada en dúas ocasións. Recompensar aos seus e continuar mirando cara arriba poñendo terra de por medio coa parte perigosa da clasificación, os motores que moven ao Portus Apostoli para loitar polo triunfo.
Vén o mellor Industrias do curso
A visita a Noia chega para o Industrias Santa Coloma en, probablemente, o seu momento máis feliz dunha complicada temporada. Por primeira vez enlazan tres xornadas consecutivas sumando, co triunfo ante Viña Albali Valdepeñas (3-2) previo ao parón e o empate en Ferrol (2-2) e a vital vitoria contra ATP Iluminación Ribera Navarra FS (4-3) posteriores, nunha serie que se completa con 10 dos últimos 15 puntos no saco. Desta maneira, os de Xavi Closas sitúanse 13º con 21 unidades e un colchón de 7 sobre o descenso. Os colomenses identifícanse cun estilo de xogo vertixinoso e combinativo, ademais de xuventude e proxección. É o caso de Leandrinho, que con 15 goles é un dos máximos realizadores do campionato. Nas filas do decano do fútbol sala español milita un ex noiés, Marcos Ferreyra. Dous eran ata xaneiro, cando anunciou a súa retirada Nil Closas.
Declaracións previas
Entradas
Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 18:30h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este venres 27 a partir das 20:00h.
Árbitros
Alejandro Martínez Flores, do comité murciano, e Pablo Delgado Sastre, do comité valenciano. Dúas vitorias, dous empates e unha derrota con Martínez Flores; un gañado, un empatado e un perdido con Delgado Sastre.
Precedentes (balance oficial: 4V-0E-4D)
·5 de novembro de 2013 | 1/16 de final Copa do Rei FS 2013/2014 | NPA 5-4 ISC (AET)
·21 de decembro de 2022 | X15 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-4 ISC
·19 de maio de 2023 | X30 Primeira División FS 2022/2023 | ISC 6-1 NPA
·18 de novembro de 2023 | X12 Primeira División FS 2023/2024 | ISC 3-1 NPA
·20 de abril de 2024 | X27 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-3 ISC
·21 de decembro de 2024 | X11 Primeira División FS 2024/2025 | ISC 5-3 NPA
·1 de abril de 2025 | X24 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 4-3 ISC
·22 de novembro de 2025 | X11 Primeira División FS 2025/2026 | ISC 3-5 NPA





Comments