Os brancos estreanse na casa recibindo ao conxunto cordobés co obxectivo de lograr a vitoria antes do primeiro parón.
O partido disputarase este sábado 9 ás 18:00h no Agustín Mourís, con emisión en directo por FEF TV y coa arbitraxe dos cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo.
Volve o fútbol sala de Primeira División ao Agustín Mourís, algo máis de tres meses despois de que se disputase nese mesmo parqué un histórico partido de PlayOff polo título. Agora, con ganas de ver máis, o feudo noiés prepárase para iniciar a segunda incursión do seu equipo na elite, recibindo na xornada 2 da Primeira División Fútbol Sala ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad este sábado 9 a partir das 18:00h.
Os de Tomás de Dios buscarán a súa primeira vitoria oficial da temporada, conscientes da importancia de facer do Mourís un fortín e aupados polo gran punto colleitado na xornada inaugural ante Jimbee Cartagena. Lograr os tres puntos permitiríalles chegar cun considerable botín ao primeiro dos paróns do curso. Para a cita ante os cordobeses, o técnico salmantino recupera a Power Raggiati, que cumpría sanción a semana pasada.
Visita Noia un rival que trae grandes recordos da 22/23. Contra Córdoba Patrimonio debutou o Portus Apostoli en Primeira, con histórica vitoria incluida, e tamén foron os andaluces os opoñentes no triunfo que permitiu aos brancos avanzar a cuartos de Copa do Rei por primeira vez. Datos que niso quedan, porque de nada valerán para o deste sábado
O conxunto de Josan González, co ex noiés Emanuel Santoro novamente como segundo adestrador, cambiou substancialmente, coas incorporacións dos peruanos Damián Mareco e Arnaldo Báez, o brasileiro Guilherme, o italiano Antoniazzi, o italobrasileiro Kenji, e o ucraíno Mykytiuk suplindo aos Jesulito, Miguelín, Saura, Pablo del Moral, Bolo, Viana ou Ismael, que fixeron as maletas en verán, e complementando aos Fabio, Zequi ou Perin, entre outros. Na primeira xornada, os branquiverdes, que en pretemporada terminaron invictos e alzáronse coa Copa de Andalucía, firmaron un empate 2-2 ante Viña Albali Valdepeñas.
Gargantas afinadas e palmas ben abertas, os requisitos indispensables para cada afeccionado noiés que este sábado, e todos os que veñen por diante, enchan o Mourís para insuflar de aínda máis enerxía e ilusión aos seus xogadores e corpo técnico nunha apaixonante segunda aventura na elite a punto de comezar.
Declaracións previas
Emisión en directo
O encontro poderá seguirse en directo online, a través de FEF TV, este sábado 9 de setembro a partir das 18:00h.
Árbitros
Dirixirán o choque os cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo.
Precedentes
·21 de outubro de 2017 | X6 Segunda División 2017/2018 | NPA 4-6 CÓR
·17 de febreiro de 2018 | X21 Segunda División 2017/2018 | CÓR 7-2 NPA
·29 de setembro de 2018 | X3 Segunda División 2018/2019 | CÓR 2-2 NPA
·26 de xaneiro de 2019 | X18 Segunda División 2018/2019 | NPA 1-1 CÓR
·15 de febreiro de 2022 | 1/8 de final Copa do Rei 2021/2022 | NPA 2-3 CÓR
·10 de setembro de 2022 | X1 Primeira División 2022/2023 | CÓR 4-5 NPA
·14 de xaneiro de 2023 | X16 Primeira División 2022/2023 | NPA 4-2 CÓR
·25 de xaneiro de 2023 | 1/8 de final Copa do Rei 2023/2024 | CÓR 2-3 NPA
Comments