
Martes, 18/02/2025 · 18:25h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Inmersos na súa mellor fase do curso, os noieses buscan ante a sensación peñiscolana o primeiro triunfo na casa (mér. 19, 20:00h, FEF TV).
Único equipo invicto en 2025 tras 5 partidos xunto a Movistar Inter FS e fóra de descenso con vantaxe no goal average incluída sobre os seus rivais directos. O Noia Portus Apostoli FS vive o seu momento máis álxido do curso, e quere prolongalo logrando este mércores 19 ás 20:00h fronte a Servigroup Peñíscola FS o que aínda lle falta: gañar coa súa xente.
Moitas semanas despois, os sorrisos volveron definitivamente ao vestiario do Portus Apostoli. Non é para menos, xa que coa vitoria en Tudela os noieses lograron darlle a volta a unha situación desfavorable na táboa (chegaron a ser pechacancelas a 5 puntos da salvación) grazas a un inicio de ano formidable. Todo iso a base de continuar confiando nunha boa liña de traballo e ao esforzo que, por fin, están tendo a recompensa que merecían.
A mellora na concentración defensiva (2 goles encaixados nos últimos 3 partidos) e na puntería de cara a porta son, ademais da posibilidade de ter a toda a plantilla dispoñible, algunhas das razóns que xustifican a xeira de tres empates e dúas vitorias que protagonizan o invicto de 2025. Deses empates, dous producíronse no Agustín Mourís, con rivais de talla como Illes Balears Palma Futsal e Jaén Paraíso Interior FS igualando a vantaxe branca no marcador e evitando que os noieses conseguiran o primeiro triunfo do curso no seu feudo, a única materia pendente que lle queda aos de David Palmas.
Coas ansias cada vez maiores de poñerle o check a esa tarefa, visita o Berberecho Arena nesta 18ª xornada intersemanal un Servigroup Peñíscola FS que non ten o mesmo nome que palmesanos e xienenses, pero que está facendo mellor as cousas esta campaña en Liga. Vén de gañar (3-1 ao Quesos Hidalgo Manzanares FS) a pasada fin de semana, ao igual que o Noia, ao que non se lle dá nada ben este opoñente (1 empate e 4 derrotas en 5 enfrontamentos). Poucos podían agardar que, a estas alturas, o cadro azul estivera 2º con 35 puntos, por enriba de equipos como Barça, o campión Jimbee Cartagena Costa Cálida ou os antes mencionados. E non só iso, xa que os peñiscolanos disputarán a Copa de España FS e, por terceiro curso seguido, a Final Four da Copa do Rei FS. E é que, cun bloque recoñecible, liderado por Pani (13 goles) e acompañado por pezas a un nivel sobresaliente como Gauna, Diego Quintela, Juanqui, Elías ou un espectacular Gus aos seus 45 anos, os de Santi Valladares gañáronse a pulso ser a gran sensación desta 24/25.
Pero nesta segunda parte do campionato é o Noia Portus Apostoli FS o que quere e está demostrando que pode ser un dos equipos a dar de que falar para ben, e nesas ten este mércores un importante exame ao seu gran momento e o aliciente de, por fin, sumar de tres coa súa afección.
Declaracións previas
Entradas
Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o mércores a partir das 18:30h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este mércores 19 a partir das 20:00h.
Árbitros
Eder Gómez de Salazar, do comité vasco, e David Urdánoz Apezteguía, do comité navarro. Balance con Gómez de Salazar dunha vitoria e catro derrotas; baixo a arbitraxe de Urdánoz Apezteguía, dous gañados e dous perdidos.
Precedentes
·6 de novembro de 2021 | X10 Segunda División FS 2021/2022 | PEÑ 4-1 NPA
·12 de marzo de 2022 | X27 Segunda División FS 2021/2022 | NPA 2-2 PEÑ
·18 de outubro de 2023 | X6 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-5 PEÑ
·2 de marzo de 2024 | X21 Primeira División FS 2023/2024 | PEÑ 5-3 NPA
·16 de novembro de 2024 | X6 Primeira División FS 2024/2025 | PEÑ 2-0 NPA
Comments