top of page

PREVIA X17 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS - Noia Portus Apostoli FS | Outra saída que vale máis de tres puntos


Venres, 14/02/2025 · 15:45h · Imaxe (de arquivo): Foto Pichero | Ao igual que no seu anterior desprazamento, a visita a Tudela supón outro duelo directo para os noieses (sáb. 15/02, 16:00h, FEF TV), que chegan invictos en 2025.


Por segunda viaxe consecutiva, o Noia Portus Apostoli FS tópase no calendario cun enfrontamento directo na pelexa por eludir a queima. Os de David Palmas, 15º con 8 puntos e no seu mellor momento do curso, visitan ao ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, equipo que marca a salvación no 14º posto con 9 puntos, este sábado 15 ás 16:00h.


Aínda que o punto contra Jaén Paraíso Interior FS soubo a pouco, si serviu para deixar atrás a última praza polo goal average xeral, aproximarse un chisco máis á zona de permanencia e prolongar o estatus de invictos en 2025. Desde que comezou o novo ano, o Portus Apostoli sumou nos catro partidos ligueiros que xogou, con tres empates e esa vital vitoria no choque directo en Zaragoza, algo que buscará replicar nun encontro que reúne características practicamente idénticas.


Gañar significaría abandonar a zona de descenso na que os brancos levan instalados desde a xornada 4 e meter a un ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS co que teñen contas pendentes deportivas desde a primeira. Aquela pírrica derrota coa que se inaugurou a campaña deu inicio a un calvario que, salvo o duelo da xornada 3 ante ElPozo, alargouse demasiado, incluso para os méritos dun Noia que xa esqueceu ese tramo. Para os navarros, ese triunfo por 0-1 no Mourís foi o primeiro de dous que ostentan no seu casilleiro, ambos logrados contra os seus actuais rivais directos (8-2 ante Wanapix na 11ª data), o cal, ata o momento, dalles unha lixeira vantaxe en contextos clasificatorios axustados.


Para esta segunda parte da temporada, os dirixidos por Alvaro Cordón “Cone” reforzáronse coas destacadas incorporacións de Terry, Cristian Rubio, Malaguti e o porteiro Mario Gómez. O seu máximo goleador é o arxentino Lucas Tripodi, con 9 tantos, seguido polos 7 de Alberto Lahuerta e 5 de Eric Pérez. Nas súas filas milita o ex noiés João Batista, unha das pezas con ampla traxectoria na categoría do seu plantel xunto a, entre outros, o capitán David ou Sepe. A este duelo chegarán tras caer pola mínima (4-3) na pista do Córdoba Patrimonio de la Humanidad.


Novo duelo directo, novo reto de máxima importancia. Os noieses, que, salvo sorpresa de última hora, alcanzan este partido con todos os seus efectivos dispoñibles, xa se enfrontaron con anterioridade a escenarios como estes e demostraron que son capaces de saír victoriosos deles. Coa confianza do traballo ben feito que levan realizando e o calor dunha inseparable afección, tanto no terreo como a distancia, desprázanse a Tudela con armas e argumentos para dar outro golpe na mesa.


 

Declaracións previas



O desprazamento

O autobús do Portus Apostoli iniciou a súa viaxe por estrada rumbo a Tudela na mañá do venres, tras o derradeiro adestramento previo ao duelo e con chegada prevista ao hotel de concentración ás 22:00h.


Emisión en directo

O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este sábado 15 de febreiro a partir das 16:00h.


Árbitros

Diego Martínez García, do comité balear, e Tomás Santander Flamarique, do comité aragonés. Balance con Martínez García de tres derrotas; con Santander Flamarique, unha vitoria e tres derrotas.


Precedentes

·10 de decembro de 2013 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2013/2014 | NPA 0-5 TRN


·1 de outubro de 2022 | X3 Primeira División FS 2022/2023 | TRN 2-3 NPA


·28 de xaneiro de 2023 | X18 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-2 TRN


·15 de novembro de 2023 | X11 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-1 TRN


·6 de abril de 2024 | X26 Primeira División FS 2023/2024 | TRN 2-7 NPA


·12 de outubro de 2024 | X1 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-1 TRN

Comments


bottom of page