top of page

PREVIA X16 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Jaén Paraíso Interior | Unha débeda pendente

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Feb 7
  • 3 min read

Venres, 07/02/2025 · 16:10h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | A segunda volta empeza para os noieses, no seu mellor momento do curso, coa misión de lograr o primeiro triunfo na casa ante o sólido equipo andaluz. (sáb. 08/02, 13:00h).


50% completado, 50% por diante. A segunda volta da Primeira División FS arranca esta fin de semana, e para o Noia Portus Apostoli FS faino no seu feudo, onde recibirá este sábado 8 ás 13:00h a un dos mellores equipos do campionato, o Jaén Paraíso Interior FS.


A vitoria en Zaragoza, a primeira do curso en Liga, serviu para quitar esa pesadísima mochila mental de enriba e confirmar que o 2025 lle está sentando moi ben, polo menos ata o momento, ao Portus Apostoli, que sumou nos tres partidos disputados desde o comezo do novo ano (2 empates e 1 triunfo). Xusto a tempo para non descolgarse dunha zona de permanencia que os noieses teñen agora a só dous puntos. De cara a este encontro, o primeiro dos 6 en 20 días de febreiro, David Palmas podería dispoñer do segundo e último reforzo invernal, o pivote Guilherme.


Para dar inicio a esta segunda volta, os noieses reciben ao Jaén Paraíso Interior FS, outro cadro que participou no PlayOff da pasada temporada, algo que foi a tónica da primeira. Os de Dani Rodríguez non precisan presentación. Solidez, determinación e competitividade son tres palabras que definen perfectamente a un conxunto que medrou ata instalarse na nómina de candidatos a erguer calquera título. Os xienenses chegan ao Mourís en 5ª praza con 27 puntos, tras empatar sen goles contra Quesos Hidalgo Manzanares FS. Nas súas filas milita o segundo máximo goleador ligueiro, Mati Rosa (13 dianas), así como outros xogadores de gran calidade como Renato (10 goles), Alan Brandi, Dani Zurdo ou Espíndola. Tiveron un mercado invernal movido, perdendo a Cristian Rubio e Chino e incorporando a Fernando Trindade e o ex noiés Attos. No choque da primeira volta, triunfo amarelo por 5-2 no Olivo Arena.


Tres partidos sumando e o amarrar por fin o primeiro triunfo son proba de que a dinámica negativa quedou atrás. Pero aos noieses aínda lles queda unha última casa que tachar para continuar coa escalada: devolverlle á afección todo o cariño e apoio demostrado nos malos momentos con tres puntos na fortaleza do Mourís.



Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeríanse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o sábado a partir das 11:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 8 a partir das 13:00h.


Árbitros

Francisco Javier Marazuela Hernando e Sergio Toral Heredia, do comité castelán-leonés. Balance cos nosos en Primeira dunha derrota nun partido arbitrado por esta parella.


Precedentes

·12 de novembro de 2022 | X8 Primeira División FS 2022/2023 | JPI 4-3 NPA


·18 de marzo de 2023 | X23 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-3 JPI


·4 de novembro de 2023 | X9 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 JPI


·16 de marzo de 2024 | X24 Primeira División FS 2023/2024 | JPI 3-2 NPA


·20 de outubro de 2024 | X2 Primeira División FS 2024/2025 | JPI 5-2 NPA

Comentários


bottom of page