Venres, 03/01/2025 · 17:00h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses marcan o duelo autonómico fronte aos laranxas (sáb. 04/01, 18:00h, FEF TV), partido inicial do ano, como unha primeira final para mudar a dinámica.
Comeza o 2025 e faino nada máis e nada menos que cun derbi galego. Case catro anos despois do último na elite, CD Burela FS e Noia Portus Apostoli FS protagonizarán este sábado 4 ás 18:00h en Vista Alegre un duelo autonómico que, para os noieses, será o primeiro desde que lograran o ascenso.
O vestiario branco apela, ademais de á boa liña de traballo levada a cabo, ao “ano novo, vida nova” de cara a intentar cambiar unha tan negativa como inxusta dinámica que levan arrastrando desde principio de temporada en Liga, sendo últimos na táboa con 2 puntos -a 5 da salvación- e aínda sen vitorias. Ao igual que a semana pasada por Nadal, os noieses contaron nesta cun día de descanso en Aninovo, tras o que se incorporou ao grupo o reforzo invernal Thierry, á zurdo brasileiro de 20 anos que aterra en Noia en calidade de cedido por Illes Balears Palma Futsal.
Para o seu primeiro derbi na elite, os de David Palmas desprázanse ao nordés do mapa galego, a outra terra de mar como é Burela. Os laranxas gozan do seu curso de regreso a Primeira tras pasar os dous anteriores en Segunda, e estano facendo con grandes resultados. Tras 12 xornadas disputadas, os bureleses sitúanse máis preto dos postos de Copa que dos de descenso -5 a 6 puntos-, ao acumular 13 unidades no seu casilleiro na 12ª praza. O seu técnico, David Rial, construiu en tres temporadas na disciplina un equipo coas ideas claras e moi difícil de derrotar para calquera opoñente. No seu último partido, o Burela logrou o triunfo na visita ao Industrias Santa Coloma (3-4). Será un encontro especial para os nosos David Pazos e Álex García, ambos con pasado no conxunto de A Mariña lucense.
Aínda que ambos conxuntos se coñecen de sobra -dous amistosos esta pasada pretemporada-, un derbi oficial é sempre un partido distinto, e o Noia Portus Apostoli FS buscará deste 2025 que sexa totalmente diferente ao que foi o tramo final de 2024. Meréceo un equipo empeñado niso e, como non, unha afección que viaxará nun gran número ao Vista Alegre burelés para participar na festa do fútbol sala galego, coa ilusión de convertela na primeira pedra a unha nova historia.
Declaracións previas
O desprazamento
A expedición noiesa iniciará a súa viaxe en autobús cara o Municipal de Vista Alegre ás 13:45h do sábado, con chegada prevista unha hora e media antes de comezar o partido.
Emisión en directo
O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este sábado 4 a partir das 18:00h.
Árbitros
Os galegos Javier Menéndez Nistal e Héctor Vilas López. Será a primeira vez que ambos dirixan un partido dos noieses en Primeira División FS.
Precedentes (partidos oficiais)
·8 de decembro de 2018 | X13 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 2-9 BUR
·13 de abril de 2019 | X28 Segunda División FS 2018/2019 | BUR 3-3 NPA
·9 de xaneiro de 2021 | XXIX Copa Galicia FS – Final | BUR 5-2 NPA
·13 de abril de 2022 | XXX Copa Galicia FS – Ida de semifinais | NPA 5-3 BUR
·3 de maio de 2022 | XXX Copa Galicia FS – Volta de semifinais | BUR 3-1 NPA (penaltis, 1-3)
Comments