PREVIA FINAL XXXIII COPA GALICIA FS | Stellae Leis Pontevedra FS - Noia Portus Apostoli FS | A pola cuarta!
- Departamento prensa Noia PA FS
- Apr 16
- 3 min read

Mércores, 16/04/2025 · 17:10h · Imaxe: Foto Pichero | O cadro noiés busca en Lugo (xov. 17/04, 18:00h, TVG2 e agalega.gal) ampliar o seu reinado autonómico por cuarto curso consecutivo.
As batallas ligueiras toman un breve descanso para dar paso á ilusión da Copa Galicia FS. Este xoves 17 de abril ás 18:00h, o Portus Apostoli afronta a súa quinta final consecutiva do torneo autonómico, coa opción de conseguir o cuarto título seguido. Para iso terá que superar no Municipal dos Deportes de Lugo ao Stellae Leis Pontevedra FS, equipo da Segunda División “B” FS que xa deu a sorpresa en semis botando ao CD Burela FS.
O cadro de David Palmas alcanzou a instancia definitiva da competición tras desfacerse en cuartos do Grupo FORMA-T Vilalba FS (0-6) e na semifinal do ADC Lugo Sala (4-5). Ante os da muralla xogaron precisamente no mesmo pavillón no que disputarán este xoves a finalísima. A ambición de continuar facendo historia e a confianza que aportou o gran rendemento de 2025 demostrado en Liga son os avais noieses de cara á misión de volver a erguer o título galego.
E se os brancos son os gañadores das últimas tres Copa Galicia FS, diante terá ao que se fixo coas tres primeiras. O Club do Lérez regresa a unha final 21 anos despois, coas forzas renovadas que lle deron ao seu proxecto o fusionarse co Stellae FS, formando o que esta campaña se coñece como Stellae Leis Pontevedra FS. No Grupo I da terceira categoría nacional son un dos conxuntos máis fortes. A falta de dous partidos sitúanse 2º a 3 puntos do primeiro, coa participación no PlayOff de ascenso xa asegurada.
Pero se en Liga están en sobresaliente, na competición autonómica os de Santi Valladares rozan a matrícula de honra. O seu camiño á final pasou por superar a SD Pazos de Borbén (1-6), Alto do Vento FS (2-4) e, sobre todo, a dous opoñentes de superior división como O Parrulo Ferrol FS (4-2) e CD Burela FS (a penaltis tras empatar 2-2). No seu plantel, con pezas experimentadas a maior nivel, destaca especialmente o nome de Aicardo, internacional con España e o xogador con mellor palmarés dos que saltarán á pista en Lugo.
Tan só tres días despois, o domingo, tocará un novo partido vital en Liga. É difícil non mirar nin de esguello a el, pero en canto os xogadores do Portus Apostoli pisen un Municipal de Lugo de gala, rodeados por centos de afeccionados noieses que se desprazarán en pleno Xoves Santo a dar alento aos seus e motivados polo incentivo de erguer un importante trofeo de campións galegos, obrigatoriamente os cinco sentidos estarán exclusivamente en facerse con esa cuarta Copa Galicia FS consecutiva.
Declaracións previas
Entradas
Á venda soamente vía online, a través da seguinte ligazón.
O desprazamento
Sobre as 14:30h poñerá rumbo o autobús do Noia Portus Apostoli FS ao Municipal dos Deportes de Lugo, onde chegarán en torno ás 16:30h.
Emisión en directo
O encontro emitirase, en directo e en exclusiva, a través da TVG2 e agalega.gal, en web e app, este xoves 17 de abril a partir das 18:00h.
Árbitros
Roberto Segundo Amor Vizoso e Pablo Coello Martínez.
Comments