Xoves, 26/09/2024 · 17:00h | O Noia Portus Apostoli FS recibe a dous grandes de Europa como o Illes Balears Palma Futsal e o RSC Anderlecht nunha fin de semana de altísimo nivel de fútbol sala, propicia para seguir subindo o ritmo a dúas semanas de iniciar a Liga.
Os motores roxen cada vez con maior intensidade para os equipos de Primeira División FS, a dúas semanas de que, dunha vez por todas, arranque o campionato. Nesas, o Noia afronta esta fin de semana coa celebración do VII Trofeo Portus Apostoli o reto máis esixente da pretemporada ata o momento, sendo o anfitrión dun torneo ao que acoden dous referentes de Europa, Illes Balears Palma Futsal e RSC Anderlecht, como rivais de altura.
Os noieses atravesan a súa sexta semana de preparación para o curso 2024/2025, con 3 vitorias e 1 derrota como historial nos amistosos disputados e, o máis importante, boas sensaciones á alza. O mellor momento para recibir a dous opoñentes que esixirán ao máximo aos brancos, desexosos de empezar a competición real.
Por primeira vez contra ol RSC Anderlecht
O partido que abrirá o VII Trofeo Portus Apostoli será un inédito. Os noieses enfrontaranse ao RSC Anderlecht o venres 27 ás 20:30h. Na 2022/2023 o Halle-Gooik pasou a formar parte da estructura do coñecido Club de fútbol belga, e desde aquel entón segue dominando as competicións do seu país, logrando incluso unha histórica clasificación á Final Four da UEFA Futsal Champions League hai dúas campañas. No seu plantel militan xogadores da talla de Grello, Darlan ou Cainan, ademais dos españois Raúl Jiménez e Saura e o ex noiés Sarmiento, que non estará presente ao atoparse con Arxentina no Mundial. Os morados xa comezaron a súa Liga, gañando na primeira xornada por 9-4 ao RWDM Futsal.
O peche, ante o bicampión de Europa
O cadro noiés finalizará o VII Trofeo Portus Apostoli ante un rival que si coñecen bastante ben. Un habitual desta competición estival, o Illes Balears Palma Futsal regresa dous cursos despois e con dúas UEFA Futsal Champions League baixo o brazo. Os baleares elixen Noia no tramo final dos seus preparativos para outra temporada ilusionante e plagada de retos. O duelo ante os de Antonio Vadillo tamén servirá como fin de festa, ao xogarse o vindeiro domingo 29 ás 18:30h, nun encontro de enorme nivel e que, probablemente, será clave para decidir o gañador do VII Trofeo Portus Apostoli de máis caché.
Declaracións previas
Horarios dos partidos
·Noia Portus Apostoli FS – RSC Anderlecht | Venres 27 set. | 20:30h
·Illes Balears Palma Futsal – RSC Anderlecht | Sábado 28 set. | 18:30h
·Noia Portus Apostoli FS – Illes Balears Palma Futsal | Domingo 29 set. | 18:30h
Venda de entradas
Como se especificou no lanzamento da campaña de abonados e como se aprobou na Asamblea Xeral de abonados celebrada en xuño, o VII Trofeo Portus Apostoli NON está incluído no prezo do abono, é dicir, NINGÚN ABONADO TEN ENTRADA NIN ASENTO RESERVADOS. Tampouco os abonados Sentimento, que pagarán un prezo reducido.
Entradas por partido
Xeral (maior de 16 anos): 15€
Mozo (menor de 16 anos): 8€
Sentimento (para abonados Sentimento): 10€
Packs VII Trofeo Portus Apostoli (inclúe os 3 partidos)
Pack Xeral (maior de 16 anos): 35€
Pack Mozo (menor de 16 anos): 20€
Pack Sentimento (para abonados Sentimento, SÓ DISPOÑIBLE NO LOCAL SOCIAL): 25€
Á venda en noiafs.compralaentrada.com (a excepción do Pack Sentimento) en calquera momento e tamén no Local Social del Club, de luns a xoves en horario de 12:00h a 13:00h e 19:30h a 20:30h, o venres 27 de 12:00h a 13:00h.
Emisión en directo
O VII Trofeo Portus Apostoli non será emitido en directo por ningunha plataforma.
Comments