top of page

Presentación de Leozin: “Estou moi feliz polos goles e son os primeiros de moitos se Deus quere”

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Aug 27
  • 2 min read
Mércores, 27/08/2025 · 10:35h | A súa afección xa o viu marcar ata dúas veces e agora ao pivote brasileiro tócalle presentarse.

Contra O Parrulo en Bertamiráns meteu o primeiro, nunha pura acción de pivote, e sete días máis tarde ante o SC Braga sumou a súa segunda diana como noiés revolvéndose ben na área. Leozin chegou de Brasil como unha promesa de presente e futuro para, entre outras cousas, aportar o gol que tanto lle custou atopar ao Portus Apostoli o curso pasado.


“A adaptación está sendo boa, mellor do que agardaba”, afirma o pivote sobre as súas primeiras semanas en Noia, rodeado dun “equipo, corpo técnico que son todos boa xente e atentos cos que chegamos” e nunha Vila á que describe como “bonita e as persoas abrazan bastante o fútbol sala. Só teño boas palabras”.


Xa son case cinco semanas de adestramentos, das que o brasileiro resalta que “o equipo está ben. Loxicamente, temos moitas cousas que mellorar e axustar, pero vamos polo bo camiño”. No aspecto persoal, sobre os dous goles nos últimos dous partidos amistosos, amósase “moi feliz, son os primeiros de moitos se Deus quere”.


Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


Esa é a meta de Leozin no seu debut en España e a Primeira División FS. “Cando Noia entrou en contacto comigo penseino bastante, foi difícil tomar esa decisión polo equipo no que estaba”, nada máis e nada menos que o Magnus Futsal, cadro punteiro en Brasil, pero o xogador de 23 anos ten claro que no momento de aceptar a proposta “seguín o meu soño”. E quéreo alcanzar a base de “forza de vontade”, unha das características coas que se define ademais de ser “bastante intenso, sexa defendendo ou atacando” e a súa intencón de “axudar o máximo que poida ao equipo”.


Para a súa nueva afección, Leozin pide de cara a este curso “animar aínda más”, aínda que xa sabe que “é unha afición apaixonada polo fútbol sala”, o brasileiro insiste niso porque “son o sexto xogador e é importante que teñamos total apoio da xente”.

Comments


bottom of page