top of page

Presentación de Churrasco: “Os afeccionados poden agardar moita determinación, forza de vontade e compromiso”

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Aug 20
  • 2 min read
Mércores, 20/08/2025 · 22:32h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O peche brasileiro preséntase ante a súa nova afección coa promesa de dalo todo pola camiseta do Portus Apostoli.

Non só o alcume é perfecto para aterrar en Galicia e, máis concretamente, no Agustín Mourís. A actitude de Churrasco tamén vai acorde ao que o noiés quere e gusta ver cada dúas fins de semana no seu asento: “Poden agardar moita determinación, forza de vontade e compromiso con esta Vila, cos compañeiros e coa afección”, responde o peche brasileiro ao momento de enviarlle unha mensaxe á súa nova xente.


A que tan ben o recibiu nestas primeiras semanas de pretemporada, como el mesmo di e agradece. “Son todo boas palabras na rúa e para min é moi importante ter ese recoñecemento”, expresa. A partir de aí, atópase “moi feliz e contento con este comezo de temporada e agardo que continuemos con esta mesma intensidade de conexión ata o final”, desexa, coa intención de “dar alegrías a todos os afeccionados e a esta marabillosa Vila”.


No Club, a súa adaptación discorre “moi tranquila. Equipo, corpo técnico e directiva estanme axudando moito, entón para min está sendo un pouco máis sinxelo”. A iso hai que engadir o apoio co que conta do grupo de compatriotas no vestiario, sempre de bo recibo nunha contorna nova como a que o xogador procedente do MFC Aktobe está experimentando.


Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


A súa chegada reside, como noutros moitos, nese soño de alcanzar as mellores ligas do mundo. “Sempre tiven a vontade e o soño de vir a Europa”, cunha especial atención, confesa, sobre o noso Club, ao que “xa seguía desde hai uns anos polo feito de que moitos brasileños xogaron aquí”, e nunha Primeira División FS “moi competitiva e forte”. Para ela se prepara o equipo, ao que ve “ben, traballando bastante, todos estamos comprometidos”, aspecto que detecta fundamental, sobre todo nas incorporacións como el, para “ir collendo os patróns e a forma de xogar, todo o que para nós son cousas novas, e iso axúdanos moito co compromiso de todos”.


E é que “compromiso” é a palabra que máis repite Churrasco, unha persoa “moi comprometida, debo todo al deporte, ao fútbol sala” e promete dar todo pola camiseta do Noia Portus Apostoli FS.

Comments


bottom of page