Os creadores, Nando Froján e Patricia F. Hermida, presentaron na mañá deste venres, acompañados do director xeral do Club, Javier Barreiro, o himno oficial do Noia Portus Apostoli FS.
Na mañá deste venres, na sala de prensa do Pavillón Municipal Agustín Mourís, realizouse a presentación ante os medios de comunicación do himno oficial do Noia Portus Apostoli FS, coa presenza do seu director xeral, Javier Barreiro, e dos creadores da peza, Nando Froján e Patricia F. Hermida.
Barreiro, primeiro en intervir, valorou a importancia da creación dun tema identitario, “algo acorde ao crecemento do club estes anos e necesario para calquera entidade” e que “agardemos que perdure durante o tempo”. O director xeral noiés apuntou tamén a relevancia de “seguir crecendo, seguir mellorando, dando cousas á xente e ampliar a gama de formas para identificar ao Club e que a xente poida identificarse con estas cores”. Dos creadores, “realmente os mentores”, destacou que “son abonados do Club, viven as cores do Club con moita paixón, eles e os seus fillos, e que traballaron durante un período largo de tempo para sacar unha peza de 1 minuto e 30 segundos”, polo que “desde o Club dámoslles as grazas por invertir parte do seu tempo desinteresadamente en poñer un gran de area máis para que sigamos medrando e nesa liña ascendente que todos desexamos”. En canto ao momento escollido para lanzar publicamente o himno, puntualizou que “é unha data marcada, en Nadal, un bo momento para darlle ese plus á xente e onde precisamos que todos tiremos do barco e sumemos para que este soño se siga prolongando no tempo”.
“Este club tiña que ter un himno”
Patricia F. Hermida, creadora da letra e intérprete, deu a coñecer dunha maneira moi sinxela as orixes da idea de compoñer o himno: “díxenlle a Nando: eu canto, ti eres músico, temos que facer un himno, é o noso club”. Sobre ese orgullo e sentido de pertenza nace esta ilusión, “somos toda a familia abonados, os nosos dous fillos e nós. Vimos medrar ao Club desde o comezo, estamos ligados realmente en todos os pasos, e que chegara a ser un equipo de Primeira División tiña que ter este colofón, este Club tiña que ter un himno”. Sobre a confección da letra, resaltou que “foron varios meses de traballo. Na letra quería centrarme en algo representativo da Vila, do Club, da súper afección que temos” e pensando en que “cando a xente escoite o himno, aínda que non o escoite en Galicia, sinta Galicia”.
Pola súa parte, Nando Froján, autor da sintonía musical, desvelou que “unha vez que lin a letra, impactoume moito. A letra chega, e en función dela un escribe doutra forma”. Sobre a súa composición, quixo destacar a notoria presenza das raíces galegas na mesma: “Está composto en ritmo de muiñeira. As primeiras notas teñen unha pinga do himno galego e na parte final un ritmo propio da nosa terra”. A súa intención con este himno é “chegar aos corazóns da xente. Creo que si o vamos a facer, que a xente o vai a aprender rápido e vaina a cantar. O resultado gústanos moito e oxalá a todo o mundo lle guste”.
Bình luận