top of page

Maio, o mes definitivo

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • May 1
  • 2 min read

Xoves, 01/05/2025 · 16:30h · Imaxe: Foto Pichero | Tres partidos que definirán o futuro do Noia Portus Apostoli FS na Primeira División FS.


O mes decisivo e definitivo xa está aquí. Comeza maio, e con el chegan os últimos tres partidos da temporada 2024/2025 para un Noia Portus Apostoli FS que só ten un obxectivo: lograr a permanencia na Primeira División FS.


Os de David Palmas están nunha situación clasificatoria adversa, ao atoparse 15º con 25 puntos, a 2 da salvación. Pero o Noia aínda non dixo a súa última palabra e afronta este tramo final con total garantía de esforzo, compromiso e confianza para darlle a volta no que vén neste peche de curso, que non será nada sinxelo.


Empezando polo duelo a domicilio ante todo un Barça este domingo 4 ás 17:30h. Os noieses tratarán de reeditar a vitoria de hai dúas temporadas no Palau Blaugrana para facerse con tres puntos que provocarían outro xiro na táboa, tratándose da visita a un dos mellores conxuntos da categoría que ten en xogo a primeira praza.


Seis días despois, ás 18:00h, o Portus Apostoli baixará a tea ao Agustín Mourís recibindo ao Wanapix AD Sala 10 Zaragoza, equipo xa matematicamente descendido, pero que, tal e como demostrou en Burela, seguirá competindo ata o final. Reclamar unha última vitoria no fortín noiés antóllase fundamental para o obxectivo, o que tamén colocaría unha guinda á mellor xeira do Club en Primeira como local, que é agora de catro partidos seguidos gañados.


E para concluír a temporada e unha segunda volta de durísimos desprazamentos, á pista doutro xigante, o Movistar Inter FS. A 24/25 dirá adeus o sábado 24 ás 20:00h no mesmo escenario que a 23/24. Hai un ano, os brancos chegaron ao Pavillón Jorge Garbajosa sen nada en xogo, algo de máis difícil alcance nesta ocasión. Sexa como sexa, a meta está clara: sumar todo o que faga falta para que o Noia Portus Apostoli FS permaneza na elite do fútbol sala español por cuarta campaña consecutiva.



Comments


bottom of page