top of page

Koeman, renovado ata 2029 e salto ao Primeiro Equipo

  • 2 hours ago
  • 2 min read
Sábado, 13/06/2026 · 12:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli ata a un dos seus diamantes para as vindeiras tres temporadas, as que cumprirá formando parte do cadro principal.
Sábado, 13/06/2026 · 12:00h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli ata a un dos seus diamantes para as vindeiras tres temporadas, as que cumprirá formando parte do cadro principal.

O Noia Portus Apostoli FS e o xogador Mateo Vázquez, ‘Koeman’ (Santiago de Compostela. 11/12/2007), alcanzaron un acordo para a prolongación do seu contrato por tres temporadas, ata xuño de 2029. Ademais, o á zurdo pasa a formar parte do plantel do Primeiro Equipo.


A progresión do canteirán da Escola Deportiva noiesa alcanza un punto que estaba chamado a producirse máis cedo que tarde. Durante os últimos catro anos foi un dos destacados nos grandes éxitos da base, entre os que resaltan o bicampionato do Grupo 1 de Xuvenil División de Honra FS, as dúas participacións na Copa de España Xuvenil FS e o Campionato de España Sub-19 de Clubes -que disputará a vindeira fin de semana- e dúas folgadas salvacións co Filial en Segunda División “B” FS. A iso hai que sumar, a título persoal, as súas dúas convocatorias coa Selección Española Sub-19, sendo así o primeiro xogador con formación no Portus Apostoli en vestir a camiseta dun dos equipos do combinado nacional.


Imaxe: Foto Pichero
Imaxe: Foto Pichero

Con apenas 18 anos, Koeman xa acumula unha ampla e reseñable experiencia co Primeiro Equipo noiés. Máis aló de numerosos adestramentos, o santiagués disputou ata a data un total de 26 encontros oficiais e 7 amistosos baixo as ordes de David Palmas. Empezando por aquel VII Trofeo Portus Apostoli en agosto de 2024, no que deixou os primeiros destellos da súa calidade e descaro ante o gran público do Mourís. Unhas semanas despois, o 20 de outubro no Olivo Arena de Jaén, converteuse no debutante máis mozo en partido oficial na historia do Club. E o 26 de novembro fixo o propio, pero na faceta goleadora, co seu tanto na Copa do Rei FS na cancha do Levante UD FS. Desde entón, e especialmente na segunda volta desta última campaña, Koeman foi gañando peso nos esquemas brancos. De feito, o 18 de abril na casa ante o Family Cash Alzira FS logrou o seu primeiro gol na Primeira División FS. E isto é só o principio.



Comments


bottom of page