Repasa a historia do Trofeo Portus Apostoli
- Departamento prensa Noia PA FS

- Aug 29
- 3 min read

O Trofeo Portus Apostoli vivirá esta tarde, ás 20:00h fronte ao Illes Balears Palma Futsal, a súa oitava edición. Precisamente os baleares son, aparte do Noia, os que máis veces participaron neste torneo veraniego, que mudou moito durante os anos e que viu medrar sen parar aos seus desde a estrea en 2017.
Aquela edición inaugural disputouse o 24 de agosto de 2017 entre os noieses, que debutaban ese curso na Segunda División FS, e o Santiago Futsal. O triunfo foi a parar ao cadro santiagués por 2-3. No II Trofeo Portus Apostoli visitou o Agustín Mourís o O Parrulo Ferrol, que disputaba a Primeira División FS e levou a vitoria por un resultado final de 3-5.
A III edición foi a primeira con presenza do Illes Balears Palma Futsal. Os palmesanos, se ben aínda non eran o xigante continental que son hoxe, si estaban considerados unha das mellores escadras de España. Os nosos fixéronlles sufrir ata o final, pero o 2-3 definitivo provocaba que Barrón erguera o trofeo.
As primeiras tres edicións | Imaxes: varios
Dous anos houbo que agardar á IV edición, por culpa da COVID-19. Foi na inesquecible temporada 21/22, a do ascenso, e por primeira vez o Trofeo Portus Apostoli tomaba un formato de triangular e a consideración de internacional. E é que, xunto a un Illes Balears Palma Futsal que repetía, tamén participou o SC Braga con figuras como Elisandro ou Pola, que apenas un par de cursos despois asinaría cos brancos. Os de Antonio Vadillo gañaron os seus dous partidos, polo que conquistaron o trofeo por segunda vez consecutiva.
Ata que, á quinta, foi a vencida. Illes Balears Palma Futsal, CD Burela FS e O Parrulo Ferrol FS acompañaron ao Noia na edición de 2022. A que viu en semifinais como os noieses derrotaban por primeira vez na súa historia aos baleares, que meses máis tarde conseguirían a súa primeira UEFA Futsal Champions League. Na final, tras un empate in extremis e unha quenda de penaltis con ata 16 lanzamentos, os de Marlon Velasco superaron ao CD Burela FS para quedar co seu trofeo. O prólogo perfecto a unha campaña de debut en Primeira lendaria.
En 2022 e 2023 chegaron os triunfos noieses | Imaxes: Foto Pichero
Despois do primeiro, chegou o segundo. A VI edición trouxo ao Mourís ao Eléctrico FC de Portugal, sexto equipo distinto que xogaba o Trofeo Portus Apostoli. Nun axustado partido, o hat-trick de Pirata decantou o triunfo do lado noiés por un montante final de 4-3.
E chegamos ata o ano pasado. Regresou o formato triangular, volveu por cuarta ocasión o Illes Balears Palma Futsal e estreouse o RSC Anderlecht belga. Unha VII edición que se decidiu nos últimos segundos, con brancos e verdes disputándose o trofeo no encontro que pechaba tres días de fútbol sala de enorme nivel. Un tanto de Fabinho a 10 segundos do final outorgaba a vitoria ao Palma, que volvía a gañar a competición de verán noiesa 3 anos máis tarde.
Postais do último precedente | Imaxes: Foto Pichero
Esta tarde, o Trofeo Portus Apostoli segue escribindo a súa historia cunha VIII edición que enfronta ao Club que a organiza e ao que máis veces se enfrontou nel. A prioridade, buscar boas sensacións a unha semana vista de debutar na Liga, pero gañar sempre está nas mentes de dous grandes equipos como o son Noia Portus Apostoli FS e Illes Balears Palma Futsal.





























Comments