‘Este Noia Portus Apostoli FS nunca se rende’
- Departamento prensa Noia PA FS
- 1 day ago
- 2 min read

O sucedido o pasado sábado no duelo ante Jimbee Cartagena Costa Cálida sáese de todos os esquemas da lógica, pero entra na norma do que está facendo o Noia Portus Apostoli FS neste inicio de temporada: non baixar os brazos ata o pitido final e atopar premio.
Ata 6 puntos, máis do 50% dos 10 que posúe o cadro noiés no seu casilleiro tras as 6 xornadas iniciais, chegaron no tramo decisivo dos encontros.
A conta empezou na xornada 2. Ismael convertiu desde a marca de dez metros a 56’’ segundos para o final do envite contra Jaén Paraíso Interior FS, no que supuxo o 2-2 e o primeiro punto da temporada. De sumar un a tres levou o zurdazo de Altamirano en Anaitasuna. O arxentino sacouse ese golazo determinante con 1 minuto e 22 segundos restando no electrónico do partido da xornada 5 ante Osasuna Magna.
E o mellor exemplo produciuse na seguinte. A 1 minuto e 48 segundos do final, Mellado marcaba o 2-3 favorable ao Jimbee Cartagena Costa Cálida. Cando o bicampión ligueiro xa acariciaba o triunfo, Thierry puxo o empate a tres con 23 segundos por diante. E con tan só 1 segundo e 6 décimas, Montero completou desde a súa propia media pista a remontada exprés, unha das máis épicas dos últimos tempos na Primeira División FS, para confirmar que o cántico é unha realidade: ‘este Noia nunca se rende’.
Comments