top of page

HORARIOS ESCOLA DEPORTIVA | O Xuvenil loitará por ser campión!



Fin de semana expectante por diante na Escola Deportiva do Noia Portus Apostoli FS, con ata once partidos por disputarse entre este venres 10 e o domingo 12. Entre eles, os dous do equipo Xuvenil, que o poden alzar campión da 1ª Autonómica de darse os resultados necesarios!


XUVENIL

Dous partidos que poden decidir campión. O equipo de Daniel Ventoso, líder da 1ª Autonómica, afronta unha fin de semana clave, comezando por este mesmo venres, cando xogarán, ás 22:15h no Complexo Deportivo Juan Amigo de Oroso, o duelo aprazado da xornada 17 contra o Oroso FS CD, terceiro clasificado con tres puntos menos. De gañar, os noieses quedarían con 3 puntos de vantaxe na táboa, faltando 6 por disputarse. Aí, tocaría mirar primeiro ao resultado do Alto do Vento FS "A". Se estes non gañan fronte o Stellae FS, os nosos serían campións sen xogar; se gañan, haberá que sumar de tres contra o Club Melide FS o domingo 12 a partir das 17:30h no Agustín Mourís para festexar o título.


CADETE

O Cadete de Liga Galega tamén afronta unha cita moi importante, visitando a cancha do segundo clasificado con seis partidos por diante. Este domingo 12 ás 19:00h no Pavillón O Conco, os noieses enfróntanse ao Fisober FSF, en partido da xornada 21.


Encontro da xornada 17 para o Cadete de 1ª Autonómica de Julio Moreno, que se enfrontará ao Alto do Vento FS "B" no Municipal Apóstol Santiago.


INFANTIL

O conxunto Infantil de Pablo Cardoso visita ao Alto do Vento FS o sábado 11 ás 20:00h, en partido da xornada 9 do Grupo 2 da 1ª Autonómica, penúltimo desta fase.



ALEVÍN

Fin de semana de dobre compromiso para o Alevín de Iván Insua, comezando polo duelo de Liga Xogade do venres 10 ás 19:45h contra a SD Esteirana "A" en Portosín. O segundo, da xornada 9 do Grupo 2 de 1ª Autonómica, xogarase o sábado 11 ás 18:00h no Municipal de Bertamiráns fronte o EFS Trasgos.


BENXAMÍN

O equipo Benxamín tamén ten por diante dous partidos nesta fin de semana. O de Liga Xogade, este venres 10 ás 19:00h ante a SD Esteirana "A" en Portosín. No Grupo 2 de 1ª Autonómica, duelo da xornada 11 o sábado 11 ás 11:00h (todo moi 11, si) no Agustín Mourís de Noia.


PREBENXAMÍN

O Prebenxamín será o terceiro dos catro equipos con dous partidos esta fin de semana. Para o venres, en encontro de Liga Xogade, enfrontaranse á SD Esteirana "A" ás 18:15h en Portosín. Para o domingo 12 ás 11:00h no Apóstol Santiago queda o partido da xornada 11 do Grupo 1 da 1ª Autonómica, diante do Alto do Vento FS.

bottom of page