top of page

“Estou seguro de que, con moito traballo, faremos unha gran temporada”

  • 5 minutes ago
  • 2 min read
Martes, 11/08/2026 · 16:36h | Di Fanti, o último en chegar ao Mourís, desvela os seus primeiros pensamentos na súa nova casa.

E con el, xa estamos todos. Os problemas burocráticos impediron que Di Fanti estivera no Mourís desde o día 1, pero o porteiro brasileiro xa é un máis no vestiario e na rolda de traballo dunha pretemporada que segue o seu curso.


“Estou moi feliz de estar aquí, moi agradecido de poder vestir a camiseta do Noia”, confesa Di Fanti, que cumpre así o “soño que tiña de xogar en España”. Sobre a súa chegada ao equipo, desvela que “fun moi ben recibido polos meus novos compañeiros”, así como que “é apenas o inicio, pero estou convencido de que será unha gran temporada”.


O acordo entre xogador e Club concretouse rápido. “Cando recibín a proposta do Noia non o pensei dúas veces”, expresa Di Fanti, atraído por “poder estar aquí, xogar este campionato que é tan forte”, algo polo que se amosa “moi feliz, moi motivado, cando cumpres un soño é unha motivación maior. Estou ansioso polos adestramentos, o inicio das competicións”, afirma.


Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


O porteiro brasileiro defínese como “un xogador de 37 anos, experimentado” nunha larga traxectoria chea de títulos, sobre todo en Brasil, onde “xoguei a maior parte da miña vida”. Agora, na súa segunda etapa en Europa, atópase “con moita ambición neste novo desafío”.


Di Fanti ve aos seus como “un equipo mozo, que se coñece moi ben, poucos xogadores cambiaron desde o ano pasado a este” e, con rotundidade, di que “estou seguro de que, con moito traballo, faremos unha gran temporada”. Dentro do vestiario, conta con catro compatriotas. “Sempre é moi importante ter outros brasileiros no Club”, sobre os que destaca a Thierry como “un dos que me axuda moito no día. Ter con quen conversar algunha dúbida é moi importante no comezo”.


Na mira, o debut ligueiro dentro dun mes ante ElPozo na casa, onde poderá gozar por primeira vez do Mourís en partido oficial. “Sei que a afección é moi apaixonada, enchen en todos os partidos. Agardo que siga sendo así, que poidamos facer unha gran temporada e estean ao noso lado axudándonos cada vez máis”, confesa.

Comments


bottom of page