CRÓNICA X5 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (JCT 1–3 NPA) | Vitoria dun equipazo de quilates!

Traballo de bandeira do Noia Portus Apostoli FS para conseguir un triunfo de moitísimo mérito (1-3) ante o Jimbee Cartagena Costa Cálida. Os noieses asaltaron o Palacio dos Deportes por primeira vez na súa historia a base da forza do equipo, nesta ocasión capaz de superar todas as adversidades.
A primeira de todas elas, as baixas. Sen Leozin, David Pazos, Ismael e Rubi presentouse o Portus Apostoli, no que Altamirano exerceu de capitán pero non disputou minutos. Un cadro decimado, aínda e cos regresos de Montero e Peixe, este último case 6 meses despois de caer lesionado.
Un panorama pouco esperanzados ao que os blancos se enfrontaron de cara e sin excusas. Porque sabían que, na pista dun Jimbee tamén con ausencias e necesitado, que desde o inicio quixo impoñerse sobre o parqué e o marcador, ía tocar apretarse os machos. A resistencia noiesa, capitaneada por un Di Fanti atentísimo entre paus, mantívose firme ante o variado arsenal de intentonas meloneiras durante 19 minutos e 20 segundos de xogo.

O momento no que Gon Castejón, un dos máis activos, fixo o 1-0 cunha internada ao centro e remate por baixo. Curiosamente, xusto despois do disparo ao largueiro de Thierry, nunha das poucas aproximacións á área de Chemi, xunto ás anteriores de Dani Colón, Charly e o propio á brasileiro.
Reacción instantánea
O gol psicolóxico non tivo tal efecto no ánimo dun Noia que, nada máis saír de vestiarios, deulle ao Jimbee da súa propia medicina. O 1-1 cociñouse en apenas 32 segundos do reinicio. Cinco pases entre catro xogadores, cunha deixada final fabulosa de Dani Colón a Mykytiuk para bater con violencia as redes locais e reinstaurar a igualada.
O equipo de Duda seguía tendo a iniciativa e xerando oportunidades como un disparo perigoso de Waltinho, pero xa non de maneira tan clara e continuada. O tanto deu máis ás a un Noia que se crecía en defensa e, sobre todo con ataques rápidos, visitou con maior frecuencia a Chemi. Nunha desas, un finísimo Charly recuperou a pelota e aguantou con sangue fría a chegada de Dani Colón para servirlle a este en bandexa o 1-2 no 28’.

Sacou dous paradóns máis Di Fanti, a Darío Gil e Juninho, antes de que entrara Motta coa camiseta de porteiro-xogador a cinco do asubío final. Para esas, Peixe xa levaba un minuto en cancha, nun cambio obrigado por molestias de Di Fanti. O de Jaú acabaría reingresando, non antes de que o de Foz do Iguaçú deixara dúas grandes detencións, se cabe máis reseñables ao tratarse da súa reaparición.
Na inferioridade numérica, os noieses aguantaron o empuxe trimilenario con rigor e pundonor. E a pouco máis dun minuto para o final, Mykytiuk puxo a guinda en forma de auténtico golazo. Unha cabalgada que empezou cun belísimo amago na súa área e, tras afastar o coiro da aparición defensiva de Mellado, terminou no definitivo 1-3, froito dun zurdazo inapelable cuspido pola madeira dirección as mallas.
O sufrimento deu paso ao éxtase, entendible pola fazaña lograda por un bloque lastrado nunha das pistas máis complicadas do campionato e, tamén, polo compoñente clasificatorio. Con esta vitoria, a segunda consecutiva, o Portus Apostoli durme 6º con 7 puntos en 4 partidos, un botín formidable gañado a pulso por un equipo que busca e quere máis.
Próximo partido
Tras o parón por compromisos de seleccións, os noieses recibirán ao Servigroup Peñíscola FS o domingo 25 a partir das 16:30h na 6ª xornada do Apertura da Liga Prime Futsal.
Ficha técnica
Jimbee Cartagena Costa Cálida: Chemi (p), Agustín Plaza, Darío Gil, Motta e Osamanmusa. Tamén xogaron Juninho, Gon Castejón, Tomaz, Waltinho, Mellado (c) e Adri Rubio.
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Charly e Dani Colón. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Macedo, Koeman, Juampi Cuello e Biel.
Goles: 1-0 Gon Castejón (20’), 1-1 Mykytiuk (21’), 1-2 Dani Colón (28’), 1-3 Mykytiuk (39’).
Os árbitros Marcos Cazorla Pérez, do comité castelán-manchego, e Sergio Salomé Vizuete, do comité estremeño, amoestaron con tarxeta amarela nos cartaxeneiros a Agustín Plaza (19’), Waltinho (31’), Gon Castejón (33’) e Motta (33’). Nos noieses, amarelas a Juampi Cuello (12’), Altamirano (13’), Mykytiuk (16’) e Montero (37’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 5 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Palacio dos Deportes de Cartagena ante uns 2000 espectadores.





Comments