CRÓNICA X3 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (NPA 2–0 EJI) | A primeira vitoria da temporada!

A primeira vitoria xa está aquí! O Noia Portus Apostoli FS rompe o saco dos ‘máis tres’ ao impoñerse (2-0) na terceira xornada ligueira ao Sur Seeds El Ejido Futsal, grazas a dous tantos na segunda metade que desnivelaron un partido de ritmo e alternativas.
Desde o comezo, os noieses trataron de impoñer a súa lei cas incorporacións de Di Fanti. Porén, froito das imprecisións colectivas, ese dominio non acabou de producirse. Tratou de aproveitalo o equipo andaluz, que puxo a proba ao meta local por medio de Mercado no minuto 4. Pouco despois, o exidense Jesús abortaba o disparo de lonxe de Koeman.

Custáballe ao Noia crear perigo de maneira consistente, moito menos que ao Sur Seeds El Ejido Futsal, que engadiu á gama de armas as incorporacións do seu outro gardameta, Vandeson. No 7’ tivo a máis clara o cadro de Guillermo Martínez, co chut ao pau de Beto. O técnico visitante pediu apenas un minuto máis tarde o Soporte de Vídeo por un posible penalti sobre Nico Rosa, desestimado pola parella arbitral tras a consulta.
Non foi ata os últimos cinco minutos do acto inicial que os brancos se reactivaron. Nas botas de David Pazos e Juampi Cuello estiveron dúas boas opcións de abrir a lata, ambas repelidas por Jesús. Momentos para cada equipo, pero sen premio para ningún.
Segunda parte de cor branca
A inercia ao descanso favorecía aos noieses e prolongouse á saída de vestiarios. Tras o reinicio, Thierry e David Pazos esixiron ao máximo a Jesús. Ademais, o equipo visitante meteuse pronto en problemas de faltas. Algo que se acentuou no minuto 29’, coa expulsión de Cristian Povea. O á cometeu a quinta infracción dos seus trabando a Altamirano cando este ía só cara a portería rival e non se librou da vermella directa, tampouco tras a consulta no SV.
Nin a superioridade numérica orixinou un camiño ao gol. Os dous minutos cun máis do Noia esgotáronse co 0-0 no electrónico. Así o dispuxo Jesús, que sacou dúas paradas salvadoras para manter ao seu equipo. Aínda que, un puñado de segundos despois de recuperar a igualdade, nada puido facer ante o despregamento por banda de David Pazos e o pase a Biel, que inxeniousas para facer co calcañar o 1-0.

Un mal xesto nunha acción defensiva freou o bo momento do capitán noiés, que tivo que abandonar a pista con xestos de dor. O contratempo, iso si, non desanimou a un Portus Apostoli que deu un paso máis cara o triunfo co 2-0 de Charly. O de Culleredo impúxose no duelo aéreo ao opoñente e bateu a Jesús no 34’ para aumentar a vantaxe local.
Introduciu El Ejido a Cola como porteiro-xogador, pero o Noia, co vento a favor, estaba moi ben plantado e evitou calquera conato de reacción exidense, pechando así o partido e a primeira vitoria da temporada, especialmente importante ante un rival directo e sempre bonito conseguila ao lado da súa xente. Desta maneira, o conxunto de David Palmas sitúase 9º, no medio dunha serie de oito equipos con 4 puntos en la tabla clasificatoria tras tres partidos.
Próximo partido
Os brancos repiten na casa o vindeiro domingo 4 de outubro, recibindo a partir das 12:30h ao Barça na 4ª xornada del Torneo Apertura da Liga Prime Futsal.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Altamirano e Biel. Tamén xogaron Macedo, Charly, Koeman, Juampi Cuello, David Pazos (c), Dani Colón, Ismael e Rubi.
Sur Seeds El Ejido Futsal: Jesús (p), Geraghty, Arnaldo Báez, Cristian Povea e Cola. Tamén xogaron Vandeson (p), Josete (c), Dela, Cristian Rubio, Rufino, Pope Mercado, Nico Rosa, Beto e Isma Vacas.
Goles: 1-0 Biel (31’), 2-0 Charly (34’).
Os árbitros Andrés Botella López Francisco Castillo López, do comité murciano, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Cristian (31’) e Juampi Cuello (33’). Nos exidenses, amarela a Rufino (8’). Viu a vermella directa o visitante Cristian Povea (29’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 3 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.





Comments