top of page

CRÓNICA X30 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (MOV 3–3 NPA) | QUE NON, QUE DE PRIMEIRA NON SE VAI!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 9 hours ago
  • 3 min read

Sábado, 24/05/2025 · 23:30h · Imaxe: Mr Robles 21/Futsal Corner | O tanto de Pirata para o empate, unida á derrota en Cartaxena do CD Burela FS, outorgan aos noieses unha salvación agónica en Torrexón.


Todo o sufrimento e todos os pesares dunha temporada durísima para o Noia Portus Apostoli FS desaparecieron preto das dez da noite deste sábado. O empate, non logrado sen coraxe, na pista do Club de fútbol sala máis laureado do mundo e a derrota do CD Burela FS en Cartaxena confirmaron unha agónica permanencia do conxunto noiés, que, a pesar de chegar sen depender de si mesmo á última xornada, superou todos os prognósticos e estará na Primeira División FS por cuarta campaña consecutiva.


O equipo de David Palmas era consciente de que, na cancha do recente campión de Copa do Rei FS, tiña que aproveitar as súas oportunidades e superar con nota un exercicio de resistencia. Dito e feito. Nun disparo de falta indirecta, David Pazos puxo por diante aos seus no minuto 3. O enésimo gol a balón parado do de Ames sacaba virtualmente do descenso aos noieses, que pouco tardarían en recibir novas de que Burela se poñía con dous goles abaixo en Cartaxena.


Barona puxo freno cun golazo a este escenario ideal para os brancos, pero Pirata, nunha acción individual que iniciou na súa propia media pista, volveu a adiantar no 10’ a un Portus Apostoli que semellaba xogar na casa en vez de no Jorge Garbajosa, con arredor dun centenar de gorxas desprazadas e entregadas para dar ánimos aos seus.


Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS


Doce sufrimento


A segunda metade, porén, semellaba desvelar un negativo desenlace. Os interistas lograron remontar, froito dos tantos de Cecilio e Raúl Gómez, impoñendo no marcador un dominio do esférico e as ocasións que ata o momento contiveran cunha defensa extraordinaria os noieses, encabezados por Schütt en portería.


Pero o Portus Apostoli e a súa xente prometeran loitar ata o final. E con Burela caendo por unha ampla marxe ante Jimbee, todo dependía do que pasara en Torrexón de Ardoz. Aínda que ía a custar contra un Movistar Inter FS que non afloxaba, só un gol facía falta para volver a situarse virtualmente fóra da queima.


Entón chegou o minuto 32. Peixe, ao que introduciu David Palmas para buscar vantaxes desde a superioridade ofensiva, filtrou para Montero. Este, só no centro, xirou e habilitou a Pirata, tamén sen marca, nas proximidades da área. Cun preciso toque de zurda, o capitán anotou unha diana que xa é historia deste Club e, ademais, supón a número 100 do lucense coa camiseta noiesa.


Un 3-3 que daba un punto que era suficiente para dar o volco na táboa e lograr o obxectivo. A el se agarraron os blancos, coa última dose de garra e sufrimento da temporada, anulando o porteiro-xogador dos interistas, que indubidablemente buscaron o triunfo. Negoullo un equipo espectacular. Unha afección de bandeira. Os que, a pesar de todas as dificultades, sempre tiveron claro que Noia é de Primeira, e de Primeira non se vai.




Ficha técnica

Movistar Inter FS: Jesús García (p), Raya, Bebe, Eloy e Javi Mínguez. Tamén xogaron Raúl Gómez, Carlos Bartolomé, Drahovsky, Cecilio, Lucão, Pablo e Barona.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Altamirano, Garrincha, Rufino, Álex García, Douglas, Thierry e Izan.


Goles: 0-1 David Pazos (3’), 1-1 Barona (9’), 1-2 Pirata (10’), 2-2 Cecilio (25’), 3-2 Raúl Gómez (28’), 3-3 Pirata (32’).


Os árbitros Pablo Delgado Sastre (comité valenciano) e Alejandro Martínez Flores (comité murciano) amoestaron con tarxeta amarela nos interistas a Javi Mínguez (3’), o adestrador Alberto Riquer (3’), Raya (19’) e Raúl Gómez (19’). Nos noieses, amarelas a Pirata (19’) e Power Raggiati (30’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 30 da Primeira División FS, disputado en el Pabellón Jorge Garbajosa de Torrexón de Ardoz ante unos 2.000 espectadores, sobre 100 deles noieses. Nos prolegómenos do encontro, o Noia Portus Apostoli FS realizou un corredor de honra ao Movistar Inter FS pola súa recente conquista da Copa do Rei FS.

Commentaires


bottom of page