CRÓNICA X29 (adiantado) PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 0–2 IBP) | Gran esforzo sen recompensa
- 6 hours ago
- 3 min read

O Noia Portus Apostoli FS saldou con derrota (0-2) o partido adiantado da xornada 29. Aínda que pouco máis se lle pode pedir aos de David Palmas, lastrados con baixas antes e durante o encuentro ante o Illes Balears Palma Futsal, un tricampión mundial e europeo ao que suxeitaron durante varios minutos cun novo exercicio exemplar de unidade.
O primeiro aviso serio do partido saíu das botas de Ismael, cuxo disparo detivo Dennis. Custoulle producir moitas máis ocasións de entidade aos noieses nunha metade inicial na que os baleares sacaron a pasear o seu amplísimo arsenal ofensivo. Protagonista Schütt con varias paradas, as mellores a Rivillos e David Peña. Este último chocou coa madeira noutra das claras dos palmesanos.

Ante o empuxe rival, a resposta branca defensiva era impecable en actitude e esforzo. No apartado atacante, as aparicións déronse en menos cantidade, pero non sen perigo. A que máis preto estivo de abrir a lata tívoa Douglas, previo xogadón de Koeman. O rapaz, de novo con moitos minutos ante as ausencias, volveu a realizar un gran partido. Xunto a Iván, Oliver Chenel e Nico Cuello, compuxo a nómina de 4 filialistas na convocatoria.
Detalles decisivos
A resistencia noiesa truncouse aos 6 minutos do reinicio. Lucão, un diablo en cada un dos seus contactos co balón, fíxose o oco na área e superou a Schütt para o 0-1. As malas noticias prolongáronse. Un desafortunado choque entre Thierry e Altamirano sacou do partido ao capitán. Entre tanto infortunio, un regreso. Cercando o ecuador do segundo tempo, Gui Lima fixo a súa reaparición competitiva máis dun mes despois. Unha volta moi necesaria nun cuadro decimado.
Pasados os 30 minutos de xogo, sucedeuse un lance trascendental. Machado cortou o avance de Douglas e Koeman, a punto de postrarse sós ante Dennis, e, na recuperación da réplica palmesana, Schütt errou no pase e serviu ao opoñente o segundo, convertido por Charuto. O banco noiés solicitou o SV n roubo de Machado por posible vermella, desestimado polos colexiados.
Si cambiarían a súa decisión máis tarde, nunha falta de Douglas sobre Alisson na que acabarían determinando vermella directa sobre o á do Portus Apostoli, que pouco antes berrara ‘ui’ co dobre disparo ao pau de Ismael. Os noieses contiveron a inferioridade numérica e, a dous minutos do final, introduciron un porteiro-xogador co que xa probaran anteriormente para gañar posesión. Esta vez, en busca de apurar unhas opcións de sumar que, a pesar das boas intencións, diluíronse pouco a pouco.
Nada que reprochar a un equipo que se baleirou por completo, capaz de facer tremer durante moito tempo ao actual referente europeo. A clasificación deixa aos noieses, cun partido máis que outros doce conxuntos, na 9ª praza con 34 puntos, a tres da zona de PlayOff.
Próximo partido
Estrada e manta para o Portus Apostoli este xoves, cando poñerán dirección a Córdoba, onde disputarán a xornada 26 ligueira o sábado 25 a partir das 13:00h, en directo por Teledeporte.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano (c) e Ismael. Tamén xogaron Gui Lima, Montero, Monteros, Koeman, Biel e Douglas.
Illes Balears Palma Futsal: Dennis (p), Machado, Rivillos, Ernesto e Fabinho. Tamén xogaron David Peña, Lin, Charuto, Lucão, Deivão, Piqueras, Mateus Maia e Alisson.
Goles: 0-1 Lucão (26’), 0-2 Charuto (30’).
Os árbitros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro, amoestaron con tarxeta vermella directa ao noiés Douglas (35’).
Incidencias: partido correspondente ao adiantado da xornada 29 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.





Comments