CRÓNICA X28 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (PAR 3–3 NPA) | Reparto de puntos nun derbi con aroma a thriller
- 4 hours ago
- 4 min read

Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS protagonizaron un derbi galego emocionante, cargado de suspense, e que, tras o reparto de golpes, solucionouse con igualdade (3-3) no marcador e exemplaridade nas gradas de A Malata. O Portus Apostoli, que tivo que repoñerse de dúas desvantaxes, suma un punto que o deixa 10º con 39, a un da zona PlayOff, pero cun partido máis.
Os acordes do himno galego e a irmandade entre afeccións cederon paso á altísima competitividade na pista. Desde o minuto 1, ferroláns e noieses deron significado á palabra ‘derbi’. E as ocasiones non tardaron en chegar. A Churrasco negoulle o tanto Caio César cunha gran man arriba. Schütt fixo o propio no disparo a pelacorpo de Jhoy.
O inicio transcorría cunha normalidade que saltou polos aires no minuto 5. Na súa primeira incursión ao ataque, Schütt probou o golpeo de punteira e sorprendeu ao seu homólogo para abrir a lata. Segundo gol seguido do porteiro noiés, que viña de pechar a goleada ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS catro días atrás.

Tivo o segundo tanto nas botas de Churrasco o equipo branco, vestido nesta ocasión de verde. Tamén os ferroláns rozaron o empate, especialmente en accións que nacían do desborde de Novoa. As intentonas do internacional español volvéronse máis perigosas cando, aos 9 minutos, os de David Palmas alcanzaron as cinco faltas. Diso se aproveitaron os parrulos pouco despois, no 11’, nunha transición finalizada por Malaguti ás mallas que poñía o empate.
A acumulación de faltas foi un quebradeiro de cabeza para os noieses no tramo final. Os colexiados sinalaron dúas máis, provocando as protestas do banco visitante. Detivo o primeiro Schütt, pero nada puido facer no segundo, practicamente un penalti pola súa localización. O 1-2 deixou grogui ao Portus Apostoli, que nos últimos minutos do primeiro tempo viuse obrigado a, case de maneira exclusiva, frear o empuxe local en ataque.
Ritmo frenético e constante
As altas emocións do partido nas gradas dunha Malata con gran entrada trasladáronse á pista á saída de vestiarios. Ambos equipos entraron nunha serie de idas e voltas de ocasións en ambas áreas. Del saíu favorecido o Noia, que nunha rápida contra logrou no 27’ o empate a dous, anotado en propia meta por Rubén Orzáez no intento de despexe do remate de Koeman.
Pero a cousa non se paralizou aí. Os parrulos retomaron a dianteira no 29’, grazas ao gol de Jhoy, cuxo disparo entrou chorando nos dominios noieses. E, apenas un minuto máis tarde, Montero empalou un dereitazo contundente que devolvía as táboas por terceira ocasión no choque.

Co 3-3 no electrónico, a tensión e o ritmo seguiron sendo constantes. Tamén as oportunidades en cada marco. Biel tivo a mellor dos seus, cun taconazo que tapou Caio César. Interviu no outro lado Schütt, cunha boa estirada a lanzamento de Malaguti como destaque, e o largueiro a un duro envío de volea de Jhoy.
Ningún dos dous conseguiu acertar e o Portus Apostoli optou por introducir a Biel como porteiro-xogador. Quedaban tres minutos, dos que os dous primeiros foron de larga circulación noiesa e o último, unha auténtica tolemia na que puido pasar de todo.
A sucesión de eventos exentos de cordura comezou cun roubo de pelota dos ferroláns, no que Pazos salvou polos pelos o tanto rival. Devolveulle a moeda o Noia a continuación, contando Douglas cunha clarísima en transición do xogo de cinco local. Porén, a solicitude de SV de O Parrulo propiciu a sinalización dunha falta anterior que levaba a Diogo ao punto de diez metros. O especialista errou no seu disparo con 45 segundos restantes. Neles, dispuxo Ismael dun tiro cruzado que se foi preto do pau, antes de que os ferroláns volveran a intentalo de cinco e a reiniciar o thriller. Os de Gerard Casas non lograron zafarse da presión noiesa e iso deu lugar a un par de acciones rocambolescas, que a piques estiveron de desembocar nun cuarto gol do Noia que os metería en postos de PlayOff.
Co bucinazo final concluíu un último minuto de xogo para quedar sen aire, que serviu como colofón perfecto a un derbi de Primeira en todos os sentidos.
Próximo partido
Os noieses terminarán o campionato regular ligueiro en 14 días, visitando ao Movistar Inter FS o vindeiro sábado 16 ás 13:00h.
Ficha técnica
O Parrulo Ferrol FS: Caio César (p), Rubén Orzáez, Jhoy, Novoa e Malaguti. Tamén xogaron Iván Rumbo (c), Gonzalo Santa Cruz, Diogo, Bruno Dias, Vukmir e Penezio.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Douglas e Ismael. Tamén xogaron Gui Lima, Montero, Macedo, Koeman, Biel e David Pazos (c).
Goles: 0-1 Schütt (5’), 1-1 Malaguti (11’), 2-1 Diogo (16’), 2-2 Rubén Orzáez, en propia portería (27’), 3-2 Jhoy (29’), 3-3 Montero (30’).
Os árbitros Juan José Cordero Gallardo e Pedro Antonio Carrillo Arroyo, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos ferroláns a Gonzalo Santa Cruz (16’) e Novoa (19’). Nos noieses, amarelas a Montero (5’), o adestrador David Palmas (15’), Churrasco (16’), Douglas (17’), Biel (29’) e Ismael (33’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Primeira División FS, disputado no Municipal A Malata de Ferrol ante uns 2000 espectadores, con ampla representación noiesa.





Comments