top of page

CRÓNICA X28 (MAN 3–2 NPA) | Cruel derrota en Manzanares

Unha pérdida de balón preto de portería condenou ao Portus Apostoli, ao que se lle escaparon os puntos cando parecía ter polo menos un agarrado na súa visita ao Antonio Caba.
A próxima semana, o cadro noiés recibe nol Agustín Mourís ao Movistar Inter na penúltima xornada ligueira.
Altamirano conduce o balón ante a oposición de Rafa López (foto: Manuel Lorenzo)

Dura derrota do Noia Portus Apostoli FS en Manzanares, onde estivo boa parte do choque por diante no marcador pero, por unha imprudente pérdida de balón na área con porteiro-xogador, terminou índose de baleiro e deixando aínda por confirmar un reto de presentarse no próximo PlayOff polo título ao que se suman aspirantes.


A intensidade, tanto na pista como na grada, fíxose notar desde o pito inicial. Manzanares inquietou primeiro, aínda que os encargados de abrir a lata serían os noieses. Na súa primeira intervención, Alisson zafouse do seu defensor e superou a Antonio Navarro cun potente golpeo, cando corría o minuto 5 de xogo.


Comezaron a aparecer as ocasións con máis continuidade en ambas porterías, contando dous paus dos locais e varias chegadas perigosas dos brancos, para a cita vestidos de flúor. O empate dos manzanareños produciuse, curiosamente, nunha das menos ruidosas aproximacións, co manso pero axustado tiro de Matamoros no 13’ sendo o suficientemente preciso para colarse entre toda oposición e introducirse na portería pegado ao pau esquerdo.


Na reanudación volveu a golpear cedo o Noia, por medio de Altamirano. O arxentino só tivo que poñer a testa para empuxar a gol o fantástico envío desde a esquina de Lluc. Co 1-2 a favor no minuto 22, o Quesos El Hidalgo apretou aínda máis, arroupado pola súa incansable afección, na misión de tumbar a meta de Henrique, e contou con oportunidades moi claras, como as de Humberto a porta baleira ou Daniel. Resistía a boa defensa dos noieses, que apoiados nas transicións tiveron, sen acerto, as máis chamativas para decantar o envite do seu lado.


Tras rozar o empate durante muchos minutos, un golpeo lonxano cruzado de Cortés, dos máis activos ao largo do partido, significou o 2-2, con pouco máis de dous minutos por disputarse. Quixo tirar de calma o conxunto de Marlon Velasco, conscientes de que un punto era bo botín, e introduciu a Lluc como porteiro-xogador para actuar en superioridade o último minuto, situación que os seus dominan á perfección. Pero o risco existe, e os accidentes poden pasar en calquera momento. Unha imprudencia moi preto da inhabitada portería noiesa foi suficiente para que Antoñito cheirara sangue e entregara o coiro a Humberto para anotar o 3-2 que resultaría definitivo, a 22 segundos do final.


En apenas tres minutos, todo o traballo e desempeño do Portus Apostoli naufragou de maneira cruel nun Antonio Caba que segue sendo maldito. A próxima semana, visita Noia todo un Movistar Inter. Unha vitoria certificaría matematicamente e sen depender de ningún outro resultado un posto no PlayOff, loita á que se unen os manzanareños e Industrias, despois de superar a ElPozo. Ninguén dixo nunca que sería fácil lograr tal proeza de enorme magnitude, tampouco o foi chegar ata esta situación ventaxosa. Pero os nosos contarán coa forza da súa xente nas gradas do Mourís, nun día no que o coliseo noiés terá que estar a rebentar para ser o sexto home e intentar xerar outro día para a historia.


 

Ficha técnica


Quesos El Hidalgo Manzanares FS: Antonio Navarro (p), Rafa López, Alvarito, Cortés e Humberto. Tamén xogaron Juan Rodríguez, Daniel, Antoñito, Matamoros e Deivao.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Machado, Altamirano e Pirata. Tamén xogaron Lluc (c), Nejc Hozjan, Douglas, Nico Rosa, Alisson e Marcelo.


Goles: 0-1 Alisson (5’), 1-1 Matamoros (13’), 1-2 Altamirano (22’), 2-2 Cortés (38’), 3-2 Humberto (40’).


O colexiado madrileño Jorge Moreno Durán e o andaluz Javier Moreno Reina amoestaron con cartón amarelo polos locais a Humberto (5’) e o preparador físico Diego Santos (35’), e polos visitantes a Lluc (7’), Altamirano (10’) e Pirata (21’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Primeira División, disputado no Municipal Antonio Caba de Manzanares ante uns 600 espectadores.

bottom of page