top of page

CRÓNICA X27 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 8–4 QHM) | Broche de tolemia perfecto ao Mourís

  • 2 hours ago
  • 4 min read
Martes, 28/04/2026 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses triunfan nun partido de atar, sobre todo unha segunda parte na que anotaron 7 goles que fixeron vibrar a un Agustín Mourís entregado.
Martes, 28/04/2026 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses triunfan nun partido de atar, sobre todo unha segunda parte na que anotaron 7 goles que fixeron vibrar a un Agustín Mourís entregado.

Unha oda á tolemia. O goberno do irracional. A guinda máis espectacular e inesperada á temporada no Agustín Mourís chegou nun Noia Portus Apostoli FS 8-4 Quesos El Hidalgo Manzanares FS que quedará para sempre na retina de todos os asistentes, especialmente unha segunda metade sen tregua e con sete goles dos seus.


Os indicios do que pasaría empezaron a sucederse moi cedo. Como no enfrontamento da primeira volta, Ismael emerxeu cando aínda non gastara o minuto inicial anotando un golazo coa zurda por toda a escadra, con Biel vestido de porteiro-xogador. A chispa que encendeu a un equipo e outro, intensísimos en cada duelo, aumentando a temperatura dun Mourís que presentaba de por si un mercurio alto.


O conteo de chegadas con perigo en ambas áreas correspondía ao ritmo frenético do partido. Ocasións de Biel e Thierry a piques estiveron de aumentar a renda noiesa. Mentres, os manzanareños, con intentonas máis elaboradas, afundían a un bloque local que se concienciaba en realizar un novo exercicio de unidade, outra vez minado polas baixas e con ampla presenza de xogadores do Filial, de entre os que tiveron protagonismo Koeman e Oliver Chenel no primeiro acto. Iso si, na convocatoria había unha boa nova. Nada máis e nada menos que o regreso do capitán, David Pazos, que no minuto 15 volvía a xogar tras tres semanas afastado da competición.


Competitividade máxima | Imaxe: Foto Pichero
Competitividade máxima | Imaxe: Foto Pichero

Porén, ese panorama favorable ao Portus Apostoli foise caendo a medida que se achegaba o descanso. Daniel, a pase de Khalid, empataba o partido no minuto 16, e a escasos 30 segundos de facer o camiño a vestiarios, un disparo de Toni desviado por Thierry no intento de despexe convertíase no 1-2.


Descontrol total


Aínda quedaban vinte minutos para darlle a volta ao resultado. E en apenas seis, os brancos xa o fixeran. Dobrete de Biel, atento para recoller un rechace no 2-2 e hábil para atopar o oco nunha volea de lonxe para o 3-2, que foi revisado de maneira controversial polo SV.


A reacción do Quesos El Hidalgo foi instantánea, e Javi Alonso puxo de novo as táboas no 27’. Mesmo minuto no que un penalti de Robles sobre Thierry non só lle custou a segunda amarela e expulsión ao manchego, senon tamén o 4-3 ao seu equipo. Infalible David Pazos desde o punto de seis metros, redondeando a súa volta aos terreos de xogo.


Gol do capi na súa volta | Imaxe: Foto Pichero
Gol do capi na súa volta | Imaxe: Foto Pichero

O Portus Apostoli tomaba a vantaxe por segunda vez no choque, e xa non a volvería a soltar. A base de esforzo, compromiso, solidariedade e tamén efectividade, os noieses culminaron unha obra de arte en forma de segunda parte. No 33’, Gui Lima roubou o esférico e, en transición, inxeniousas para zafarse de dous contrarios e bater entre as pernas a Antonio Navarro.


Un gol que ergueu ao Mourís dos seus asentos, ao igual que no 37’, bailando ao ritmo de Churrasco. O brasileiro anotou o 6-3 en tarefas defensivas do porteiro-xogador rival. Daniel, en acción persoal, reduciu diferenzas a continuación. Pero o Noia e a súa xente estaban nun trance do que xa non ían saír. O cansazo non existía. Cada xogada, cada xesto, facía máis fortes aos brancos.


Baile para certificar | Imaxe: Foto Pichero
Baile para certificar | Imaxe: Foto Pichero

Dous tantos máis chegaron en defensa do xogo de cinco dos de Juanlu Alonso. O sétimo fíxoo Ismael, 20º para el no campionato regular ligueiro. O oitavo, o cumio dun novo partidazo do xigante Schütt entre paus. A festa era total no Mourís, e David Palmas aumentouna coas entradas de Teo e Nico Cuello, que debutaban así en Primeira, ademais de Iván en portería.


Unha noite de tolemia na Vila. E foron varias esta temporada. A deste martes, a última. Ou non. Porque, aínda que o PlayOff estea moi complicado de alcanzar, coa entrega, paixón e sentimento deste equipo non hai que dar nada por sentado ata o final. Polo momento, o que é real, son os 38 puntos no saco. A maior cifra do Portus Apostoli na elite, igualando a alcanzada na 22/23. Sexa como sexa, pase o que pase: grazas, equipo; grazas, afección.



Próximo partido


O equipo noiés afronta este sábado 2 de maio a partir das 20:30h no Municipal A Malata ferrolán o segundo derbi galego ligueiro fronte ao O Parrulo Ferrol FS, pola 28ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Thierry, Churrasco e Ismael. Tamén xogaron Iván (p), Gui Lima, Monteros, Teo, Oliver Chenel, Koeman, Biel, Nico Cuello e David Pazos (c).


Quesos El Hidalgo Manzanares FS: Antonio Navarro (p), Toni Escribano, Álvaro, Humberto e Daniel (c). Tamén xogaron Yann Barbosa, Javi Alonso, Robles, Antoñito, Eloy de Pablos, Khalid e Juan Emilio.


Goles: 1-0 Ismael (1’), 1-1 Daniel (15’), 1-2 Toni (20’), 2-2 Biel (24’), 3-2 Biel (26’), 3-3 Javi Alonso (27’), 4-3 David Pazos, de penalti (27’), 5-3 Gui Lima (33’), 6-3 Churrasco (37’), 6-4 Daniel (38’), 7-4 Ismael (39’), 8-4 Schütt (40’).


Os árbitros Andrés Botella López e Francisco José Castillo López, do comité murciano, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Biel (18’) e Churrasco (28’). Nos manzanareños, amarelas a Juan Emilio (9’), Robles (13’ e 27’), Javi Alonso (18’), Daniel (31’) e Antonio Navarro (35’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 27 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page