top of page

CRÓNICA X26 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (CPH 3–3 NPA) | Punto de enorme mérito

  • 1 day ago
  • 4 min read
Sábado, 25/04/2026 · 19:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O tanto de Churrasco a dous minutos do final propiciou un empate que recompensa o gran esforzo dos noieses.
Sábado, 25/04/2026 · 19:45h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O tanto de Churrasco a dous minutos do final propiciou un empate que recompensa o gran esforzo dos noieses.

O Noia Portus Apostoli FS foi todo compromiso e esforzo no Palacio de Deportes Vista Alegre. Así construiu o camiño cara un empate (3-3) que, aínda que non permite recurtar todo o que quixera á zona de PlayOff, é de moito valor para os noieses, que chegaban a Córdoba cunha reducida nómina de xogadores do Primeiro Equipo.


Nada máis comezar, dispuxo da primeira Córdoba Patrimonio de la Humanidad. Só ante Schütt, Aranda rematou directamente fóra. Sabía o Portus Apostoli que sería un partido de moita esixencia, e esa era a proba inicial. Lonxe da casa, ante un equipo coa tarefa da salvación aínda pendente e, sobre todo, polas súas numerosas e importantes baixas. Ata 8, entre lesión e sanción, contaban os visitantes, reducindo a lista a 12 nomes, con 4 do Filial. Pero, a pesar de todo iso, os de David Palmas non ían á cidade califal a esconderse, e entraron no parqué azul con intención de morder en ataque e defensa.


Os 12 de Córdoba | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Os 12 de Córdoba | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

A primeira clara dos noieses estivo nas botas Montero. O seu disparo, desde o segundo pau tras unha boa acción colectiva, foise demasiado alto. Corría o minuto 3, e só outros 3 tardou en chegar o primeiro. Un saque de banda de Biel terminaba nas mallas da portería cordobesa, froito dun desvío involuntario de Murilo. Os de Ema Santoro reaccionaron ao instante, pero o tanto de Arnaldo Báez foi anulado por man. Seguiron insistindo os branquiverdes, que puxeron en apretos ao Portus Apostoli co seu empuxe. O inédito capitán Schütt apareceu entre paus con varias intervencións que evitaron o empate. Ou, polo menos, retrasárono ata o 16’, cando nada puido facer no remate de Pescio á escadra.


Pediu tempo morto David Palmas, do que os seus regresaron forte. Ismael, cun remate franco que saíu por enriba do largueiro, e Monteros, chegando á área, rozaron o segundo noiés. Porén, os que sumaron outro tanto á súa conta antes do descanso foron os andaluces. No seu intento de despexar o envío de Murilo á área, Ismael introducíase o coiro na súa portería e o 2-1 subía ao electrónico, confirmado polos colexiados tras revisión no SV, solicitada polos reclamos noieses de empurrón.


Resposta madrugadora


Os brancos, vestidos de granate e azul para a ocasión, reinstauraron o empate moi cedo na segunda parte. Apenas ían dous minutos cando, cun formidable cabezazo de costas a portería a un non menos reseñable pase largo de Schütt, Ismael resarcíase para sumar o seu 18º gol ligueiro do curso e poñer o 2-2 no choque.


Gol con dedicatoria especial | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Gol con dedicatoria especial | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

O tanto do prieguense deu paso a un tramo de partido máis irregular de ambos cadros, de menos oportunidades claras e erros na circulación do esférico. Reactivou o ritmo Carlos Gómez, que obrigou a Schütt a realizar unha parada de reflexos. A continuación, o porteiro brasileiro quedou a poucos centímetros de sorprender a Fabio e meter o gol da xornada.


Entrando na fase decisiva, Carlos Gómez desfixo a igualada. Esta vez si puido sortear ao meta noiés cun remate na área no 35’. Non dubidou David Palmas en introducir o porteiro-xogador, que, tras uns axustes, deu resultado a dous minutos do final. A aparición no centro de Koeman, filialista con participación no duelo xunto a Oliver Chenel (no banco estaban Iván e Nico Cuello), habilitou a Churrasco na banda. O brasileiro lanzou sen máis contemplacións para o 3-3. Un punto ao que os noieses se agarraron ata o bucinazo final, neutralizando as ocasións dos locais, máis necesitados, e obviando o tremendo desgaste dun equipo que, outra vez máis, deixou unha lección de unidade na pista. Con este, son 35 puntos no peto a falta de tres partidos, provisionalmente a 3 do PlayOff cun partido máis.



Próximo partido


Os noieses reciben ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS o vindeiro martes 28 a partir das 20:00h no Municipal Agustín Mourís pola 27ª xornada ligueira. Merca AQUÍ a túa entrada.



Ficha técnica

Córdoba Patrimonio de la Humanidad: Fabio (p) (c), Zequi, Carlos Gómez, Aranda e Pescio. Tamén xogaron Víctor (p), Hugo, David Fernández, Arnaldo Báez, Pablo del Moral, Andrei, Titi del Rey e Murilo.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p) (c), Montero, Thierry, Churrasco e Ismael. Tamén xogaron Gui Lima, Monteros, Koeman, Biel e Oliver Chenel.


Goles: 0-1 Murilo, en propia portería (6’), 1-1 Pescio (16’), 2-1 Ismael, en propia portería (18’), 2-2 Ismael (22’), 3-2 Carlos Gómez (35’), 3-3 Churrasco (38’).


Os árbitros Carlos Panadero Díaz-Concha y Héctor Mayo López, do comité madrileño, amoestaron con tarxeta amarela nos cordobeses a Arnaldo Báez (7’). Nos noieses, amarelas a Thierry (5’), Biel (27’), Koeman (27’), Ismael (37’) e Gui Lima (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Primeira División FS, disputado no Palacio de Deportes Vista Alegre de Córdoba ante uns 1500 espectadores.

Comments


bottom of page