top of page

CRÓNICA X26 (TRN 2-7 NPA) | Rozando a perfección para tres puntazos de ouro

O Portus Apostoli dá outro golpe na mesa da loita pola permanencia cun contundente triunfo no Ciudad de Tudela.
13º e con 24 puntos, os noieses afrontan agora unha semana de parón ligueiro, antes de recibir a Industrias Santa Coloma o sábado 20 ás 17:30h.

Celebración dun dos tantos noieses en Tudela (foto: Manuel Lorenzo)

Por primeira vez na temporada, e no momento máis oportuno, o Noia Portus Apostoli FS logra a súa segunda vitoria consecutiva que, de paso, vén cun novo golpe na mesa. Os noieses superaron a un rival directo como ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS cun amplio marcador (2-7) e abren un oco de tres puntos coa zona de descenso.


A primeira clave do duelo estivo en tomar a iniciativa. O tanto de Edu Jabá, un zurdazo inapelable en lanzamento de falta no minuto 4, deu esa seguridade necesaria nuns instantes iniciais propios dun enfrontamento entre dous equipos que se xogan tanto, cheo de nervios e erros.


Aínda que houbo ocasións para mover o electrónico, coa máis clara mas botas de Machado desbaratada por Pereira no segundo pau, o 0-1 mantívose ata a recta final do primeiro tempo, momento no que os noieses castigaron con contundencia. Pirata, cun preciso golpeo que superou co xusto a un Pereira que volvía ao seu marco tras unha incorporación ao ataque, puxo o 0-2 no 18’, e cos navarros aínda groguis, Douglas atopou en Machado o apoio para, grazas a un disparo colocado, abrir tres dianas de diferenza.


O brasileiro volvería a ser protagonista pouco despois de saír de vestiarios, facendo bo un balón solto na área e fusilándoo para o 0-4. A expulsión de Hamza por vermella directa, xunto a un Tudelano Ribera Navarra que se enchía de faltas, poñía máis de cara o asunto aos galegos. O quinto non chegou na superioridade numérica posterior á expulsión, senon nun grave erro local na saída de presión que non desperdiciou Pirata, xa nos últimos 10 minutos de encontro.


Tardaron os riberos en facer dano con porteiro-xogador, pero fixérono con dous tantos moi seguidos no 36’, de David e Carlos Bartolomé, e renda de minutos suficiente como para soñar na épica. Porén, a acumulación de faltas foi un peso moi grande que lles acabou por condenar. Pirata acertou na diana do tiro de dez metros que dispuxo tras unha falta sobre Pola, completando o seu hat-trick e alcanzando os 20 goles en Liga, para volver a mudar a dinámica. Xa no último minuto, Henrique volveu a ver portería por segundo partido seguido para redondear o 2-7 definitivo. Incluso houbo tempo para outra gran nova co debut en Primeira de Lukas, xogador del Filial.


A denominación de “triunfo moi valioso” queda curta para o logrado polos noieses, que completan a súa propia volta á tortilla na pelexa pola permanencia: de estar últimos a encabezar ese tren de 4 pasaxeiros que loitan por evitar o descenso, ademais, con 3 puntos sobre esa zona vermella. Iso si, aínda queda camiño que percorrer, e o foco xa está en volver a facer do Mourís un fortín dentro de dúas semanas, o sábado 20 ás 17:30h, recibindo ao Industrias Santa Coloma.


 

Ficha técnica

ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS: Joao Silva (p), Nacho Gómez, Espín, Gabi e Carlos Bartolomé. Tamén xogaron Adrián Pereira (p), David (c), Anás, Tripodi, Claudino, Dani Montes e Hamza.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Machado, Edu Jabá, Douglas e Matheus Preá. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Rufino, Pirata, Bonino, Nico Rosa, Pola e Lukas.


Goles: 0-1 Edu Jabá (4’), 0-2 Pirata (18’), 0-3 Douglas (19’), 0-4 Douglas (23’), 0-5 Pirata (31’), 1-5 David (36’), 2-5 Carlos Bartolomé (36’), 2-6 Pirata (38’), 2-7 Henrique (39’).


Os colexiados Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador, do colexio manchego, amoestaron con cartón amarelo polos navarros a Carlos Bartolomé (7’), Joao Silva (12’) e David (35’) e con vermella directa a Hamza (24’). Nos noieses, amarelas a Douglas (10’), Power Raggiati (11’) e Pirata (37’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Primeira División FS, disputado no Pavillón Ciudad de Tudela ante uns 1.000 espectadores.

bottom of page