CRÓNICA X24 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (FCB 5–2 NPA) | Derrota no Palau
- 2 days ago
- 3 min read
Updated: 1 day ago

Non lle correspondeu ao Noia Portus Apostoli FS a honra de ser o primeiro en bater ao Barça en 40 minutos este ano. A papeleta era especialmente complicada. Ao gran momento dos azulgrana uníanse as baixas e o desgaste dos brancos, que, aínda así, pelexaron ata o final dando unha boa impresión no Palau a pesar da derrota (5-2).
A saída a pista do Portus Apostoli estivo lonxe de ser mala. Os noieses pisaron pista contraria con perigo en dúas ocasións. Pero un fatídico minuto 3 empañou e complicou todo. Do canonazo de Matheus ao gol de Pito recollendo un rexeite na área pasaron apenas segundos. Con iso lle basta a este Barça para facer tal dano.

Os dous tantos culés decimaban o plan. Deu entrada David Palmas a Peixe para, coas súas incorporacións, gañar balón e metros e incomodar ao seu rival. Así se recompuxeron os noieses, que ante as ausencias -Gui Lima, Leozin, Macedo e Rubi- e os tocados -David Pazos xogou un puñado de segundos-, ampliaron rotacións con máis protagonismo de Diego e o debut ligueiro de Monteros. No banco agardaban os filialistas Koeman e Oliver Chenel.
A melloría visitante evidenciouse con oportunidades como as de Thierry e Altamirano. Porén, o seguinte tanto tamén sería local. Os de Javi Rodríguez aproveitaron un erro en saída de presión e, por medio de Catela, puxeron o 3-0 no 10’. Un minuto despois, Biel reduciu diferenzas cun disparo exterior que non localizou Feixas.
Boas intencións sen premio
Coas enerxías renovadas, o Noia saíu a por todas na segunda metade. Tivo a primeira clara do reinicio nas botas de Diego, cuxo disparo na área tapou a zaga culé. E na réplica desa acción, Erick recolleu de Pito e fusilou a Peixe para o 4-1 que afastaba calquera escenario favorable.
O Portus Apostoli mantivo a súa idea. As sumas ao ataque de Peixe daban osíxeno e ocasións. Tamén algunhas transicións que dispuxo o equipo noiés, froito do compromiso no traballo defensivo. A mellor foi de Altamirano, que se zafou do seu par cunha ruleta e viu o seu disparo enviado a córner por Feixas. No outro lado, o Barça apretaba para poñer máis terra de por medio. Nesas, tivo dúas boas oportunidades João Víctor, unha delas impactando na madeira.

Mesmo desenlace tivo o potente disparo de Ismael, vestido xa coa camiseta de porteiro-xogador a seis minutos do final. Noutro intento coa superioridade numérica, a defensa culé roubou e puxo o quinto. Obra de João Víctor, protagonista máis tarde da sexta falta local que permitiu a Ismael facer o definitivo 5-2 desde o punto de dez metros. Entre medias, o debut na Primeira División FS de Oliver Chenel, unha das notas positivas do choque para un Portus Apostoli que, aínda coa derrota e tendo en conta todos os condicionantes, deixou unha boa imaxe en Barcelona e mantense con 31 puntos a 3 do PlayOff, agora desde a 10ª praza.
Próximo partido
Semana de parón competitivo a vindeira para os noieses, que regresarán o sábado 18 ás 16:30h contra o Family Cash Alzira FS na casa pola 25ª data ligueira.
Ficha técnica
Barça: Miquel Feixas (p), Antonio, Matheus (c), Touré e Pito. Tamén xogaron João Víctor, Pol Pacheco, Catela, Eric Martel, Sergio González, Erick, Granda e Gauna.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Thierry, Altamirano e Ismael. Tamén xogaron Peixe (p), Montero, Monteros, Diego, Koeman, Biel, Douglas, Oliver Chenel e David Pazos (c).
Goles: 1-0 Matheus (3’), 2-0 Pito (3’), 3-0 Catela (10’), 3-1 Biel (11’), 4-1 Erick (22’), 5-1 João Víctor (35’), 5-2 Ismael (38’).
Os árbitros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo, do comité cántabro, amoestaron con tarxeta amarela nos barcelonistas a Pito (32’) e João Víctor (38’). Nos noieses, amarelas a Ismael (3’), Thierry (26’) e Douglas (34’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Primeira División FS, disputado no Palau Blaugrana de Barcelona ante 1764 espectadores.





Comments