top of page

CRÓNICA X20 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 5–1 OSA) | Por fin a primeira vitoria na casa!


Martes, 25/02/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli estréase no Mourís xusto a tempo e continúa a súa boa liña.


Un equipo, unha afección, unha Vila enteira berraron xuntos este martes no Agustín Mourís: ¡por fin! O Noia Portus Apostoli FS logrou o seu primeiro triunfo como local da temporada cunha gran actuación de cabo a rabo que terminou en goleada por 5-1 sobre Osasuna Magna.


Empezou ameazando o cadro dirixido por David Palmas, coas dúas primeiras chegadas sucedéndose sobre o marco visitante. Pero a lata abriuna o conxunto navarro, por medio dun Ion Cerviño que recolleu o rexeite dun disparo ao largueiro previo de Toni Escribano para bater a Peixe no 2’. Como se nada pasara, o Noia quitouse o polvo e seguiu ao seu, facendo traballar a Asier con protagonismo de Altamirano.


De tanto insistir en ataque e apretar arriba en defensa, os brancos forzaron o erro rival e aproveitárono. O resbalón de Pachu concedeu unha ocasión de ouro a David Pazos, que superou a Asier no un contra un para o empate, aínda sen chegar ao ecuador do primeiro tempo. E apenas superado, no 11’, Power completou cun remate letal ao pau curto unha remontada que facía xustiza ao que se vía no parqué: un Portus Apostoli dominando a un desorientado Osasuna Magna, que temeu irse con maior desvantaxe a vestiarios tras o disparo ao pau de Diego Fávero.


Control e sentencia final


O brasileiro quedou coas ganas de anotar o terceiro tanto, pero no reinicio compensouno dándoo. Do seu rápido saque de banda coas mans naceu o 3-1, convertido no 22’ por Pirata. Con esta, o capitán suma 9 dianas en Liga e marcou en 8 das últimas 9 xornadas, nas que o Noia iniciou a súa liña ascendente.


Peixe, con dúas paradas a sendos intentos de Toni, evitou a hipotética reacción dun Osasuna Magna que non chegou a atoparse cómodo en ningún tramo do partido. Boa culpa diso tívoa un Portus Apostoli brillante en faceta defensiva e incisivo na ofensiva, consciente do que tocaba facer en cada momento.


Con Thierry marrando unha clara oportunidade sen Asier entre paus e a pouca fluidez dos seus, Miguel Hernández aprezou que era agora ou nunca e introduciu a Dani Saldise como porteiro-xogador a sete minutos do final. O guión non mudou nin un ápice, e, de feito, só levou á sentenza noiesa. Os goles de Altamirano e Rubi, unidos ao debut de Guilherme, puxeron a guinda a unha defensa do catro para cinco inquebrantable e a un partido fantástico de todo un equipo que, por fin, puido regalarlle á súa afección o que tanto merecía e buscaran xuntos.


Fíxose de rogar, pero aquí está. A xeira sen vitorias, os infortunios de cara a porta... todo iso quedou atrás hai tempo, e á boa dinámica que os noieses atravesan desde o inicio de 2025 só lle faltaba isto: gañar na casa. Xusto a tempo para facer do Agustín Mourís un fortín clave de cara á permanencia que agora ven máis de preto, aínda na 15ª praza pero cos mesmos 15 puntos que o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, que xoga este mércores.



Próximo partido


Os noieses terminan o cargado mes de febreiro visitando o venres 28 ás 21:00h ao Jimbee Cartagena Costa Cálida pola 21ª xornada de Primeira División FS.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Montero, Altamirano, Garrincha, Álex García, Douglas, Thierry e Guilherme.


Osasuna Magna: Asier Llamas (p), Toni Escribano, Ion Cerviño, Geraghty e Ligeiro. Tamén xogaron Juninho, Kokoro, Roberto Martil (c), Dani Saldise, Pachu, Korsun e Josu Mendive.


Goles: 0-1 Ion Cerviño (2’), 1-1 David Pazos (8’), 2-1 Power Raggiati (11’), 3-1 Pirata (22’), 4-1 Altamirano (36’), 5-1 Rubi (39’).


Os árbitros Héctor Mayo López y Carlos Panadero Díaz-Concha amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Douglas (27’). Nos navarros, amarela a Ion Cerviño (18’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 20 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page