CRÓNICA X1 LIGA PRIME FUTSAL – TORNEO APERTURA (NPA 4–4 ELP) | Novo curso, mesma tolemia

Cambia a Liga, cambia a temporada, pero na elite do fútbol sala nacional hai unha constante inamovible: o que pisa o Agustín Mourís de Noia seguramente vaia a vivir unha boa dose de tolemia. A estrea da nova Liga Prime Futsal sumou un novo exemplo. Cun golazo a falta de tres segundos vestido de porteiro-xogador, Thierry fixo o 4-4 definitivo e, como mínimo, merecido para un Portus Apostoli que amosou un gran nivel ante o recente supercampión ElPozo.
E fíxoo desde o comezo. Os de David Palmas controlaron a altísima temperatura do parqué noiés na primeira metade, sobre todo desde o disparo ao pau de Altamirano no minuto 5 que desataba a orde de ocasións reseñables. A seguinte pertenceu a Charly, anulada por Antonio Navarro. O porteiro, gran amenaza visitante en ataque coas súas incorporacións, tivo que empregarse a fondo tamén na intentona de David Pazos despois dunha maxistral manobra.

Pero nada puido facer uns instantes máis tarde. O capitán noiés insistiu sobre o marco murciano e, cun chisco de fortuna ao desviar o seu disparo David Álvarez, anotaba o 1-0 no 10’. Nese mesmo minuto, apenas separado por uns segundos, David Álvarez arreglaba a papeleta co 1-1, un tiro á escadra imposible para Di Fanti.
Unha segunda parte que tivo de todo
O porteiro local non tivo moito traballo no primeiro acto, ao contrario que nun segundo ao que os de Josan González saíron cun punto máis de mordente. De aí o tanto do 1-2, obra de Gonzalo Santa Cruz aos 30 segundos de reiniciar o duelo.
Aínda así, os brancos non lle perdían a cara ao encontro. Demostrábao Mykytiuk, cun remate á madera tras unha gran combinación con Ismael. Precisamente, o ucraíno iniciou a acción do empate a dous, enviando un balón largo a Thierry, quen entregou á área para que a empuxara Altamirano no 27’. E xa no 33’, ‘Myko’ finalizou á perfección unha transición ofensiva que colocaba o 3-2. Os murcianos solicitaron o SV por posible falta previa, desestimada polos colexiados tras a revisión.

Porén, a alegría volveu a ser efímera para o Noia. Con dous goles entre o 34’ e o 37’, o mozo Meseguer daba outra vez a dianteira a ElPozo de cara ao tramo final. Non o pensou dúas veces David Palmas, que introduciu a Thierry coa camiseta de porteiro-xogador. Os brancos moveron e moveron o coiro, pero sen atopar esa gran ocasión. De feito, ata cometeron a quinta falta.
A esperanza semellaba esfumarse cando a 9 segundos do final o balón lle pertencía aos supercampións. Pero, un erro de Gadeia entregaba unha última opción ao Portus Apostoli con 6 segundos no crono. Un tempo insuficiente noutros moitos lugares, eterno no Agustín Mourís. 3 lle sobraron a Thierry para empalar un precioso e preciso golpeo coa zurda a uns doce metros do arco rival, inesperado por propios e estraños. Na pista e na grada, a tolemia. E no marcador, un empate a catro goles que serve unha mínima xustiza á actuación dun Noia Portus Apostoli FS que empeza o curso prometendo máis emocións fortes aos seus.
Próximo partido
Primeiro desprazamento da temporada para o cadro noiés, que visitará ao Jaén Paraíso Interior FS o vindeiro domingo 20 a partir das 13:00h na xornada 2 do Apertura da Liga Prime Futsal.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Juampi Cuello, Rubi, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Cristian (p), Mykytiuk, Altamirano, Macedo, Charly, Dani Colón, Thierry e Ismael.
ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Antonio Navarro (p), Rivera, Pachu, David Álvarez e Drahovsky. Tamén xogaron Dener, Ricardo, Marcel (c), Santa Cruz, Gadeia e Meseguer.
Goles: 1-0 David Pazos (10’), 1-1 David Álvarez (10’), 1-2 Santa Cruz (21’), 2-2 Altamirano (27’), 3-2 Mykytiuk (33’), 3-3 Meseguer (34’), 3-4 Meseguer (37’), 4-4 Thierry (40’).
Os árbitros Daniel Navarro Hernández e Jesús Almeida León, do comité palmense, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Ismael (6’), Dani Colón (15’), Juampi Cuello (21’ e 40’), o adestrador David Palmas (22’), Cristian (28’), Macedo (28’) e Thierry (39’). Nos murcianos, amarelas a Dener (30’) e Drahovsky (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 1 do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 850 espectadores.





Comments