top of page

CRÓNICA VII TROFEO PORTUS APOSTOLI – PARTIDO 2 (IBP 5–4 AND) | O campión de Europa gáñao aos puntos


Sábado, 28/09/2024 · 21:00h · Imaxe: Foto Pichero | O Noia Portus Apostoli FS disputarase o título ante os baleares, que saíron gañadores dun axustado duelo, o domingo ás 18:30h.


Un encontro de ti a ti e que correspondeu ao altísimo caché que posúen foi o que protagonizaron Illes Balears Palma Futsal e RSC Anderlecht sobre o parqué do Municipal Agustín Mourís. O resultado final de 5-4 favorable aos baleares deixa as espadas por todo o alto para o partido final.


O Anderlecht golpeou primeiro e cedo, co sutil tanto de Gréllo, nunha picada sobre Luan Müller ao 3’ de xogo. O actual campión de Europa recompúxose e empatou o duelo por medio da súa última incorporación, o xovencísimo Thierry, a pase do ex noiés Marcelo. Nunha rápida transición ofensiva definida por Darlan, os belgas volveron a colocarse por diante. Terceiro gol na competición do ex de Movistar Inter. Co seu segundo volveu a igualar o marcador Thierry. O disparo seco, coa punteira e axustado ao pau tornouse imposible para Giovanni.


Máis festival de goles na segunda


O torrente de ataques e as alternancias non se detiveron no segundo tempo. Luan Müller interviu en ata tres ocasións ante prometedoras ofensivas dos morados, nesta cita vestidos de branco. Na outra área, os palmesanos buscaban romper a barreira defensiva rival. Así foi ata que, bordeando o minuto 30 e con apenas uns segundos en pista, Nil Tent puxo por primeira vez aos baleares en vantaxe.


Pouco lles durou, xa que, nun abrir e pechar de ollos, Cainan sumou dous tantos que colocaron o 3-4. Os belgas malgastaron a continuación varias opcións de, practicamente, pechar o encontro, e o bicampión de Europa logrou agarrarse ao mesmo, co gol de Bruno Gomes antes de chegar aos últimos cinco minutos. Luca Cragnaz, técnico do Anderlecht, introduciu o porteiro-xogador, en ánimo de ir a pola vitoria e, sobre todo, avanzar nas probaturas de cara ao curso. Aí, á mínima que uliu sangue, o Illes Balears Palma Futsal fixo, por medio de Rivillos, o quinto e definitivo tanto dun gustazo de partido para os espectadores reunidos no Agustín Mourís.


Noia Portus Apostoli FS e Illes Balears Palma Futsal, os gañadores de venres e sábado, disputaranse o domingo ás 18:30h o título do VII Trofeo Portus Apostoli na última xornada da competición, que terá unha clausura espectacular e á altura de tres días de fútbol sala dun enorme nivel.


 

Ficha técnica

Illes Balears Palma Futsal: Luan Müller (p), Piqueras, Fabinho, Rivillos e Bruno Gomes. Tamén xogaron David Peña, Thierry, Nil Tent, Marcelo e Mateus Maia.


RSC Anderlecht: Giovanni (p), Edu, Gréllo (c), Cainan e Darlan. Tamén xogaron Rangel, Dillien, Raúl Jiménez e Perin.


Goles: 0-1 Gréllo (3’), 1-1 Thierry (6’), 1-2 Darlan (12’), 2-2 Thierry (16’), 3-2 Nil Tent (30’), 3-3 Cainan (30’), 3-4 Cainan (31’), 4-4 Bruno Gomes (34’), 5-4 Rivillos (38’).


Os colexiados Javier Menéndez Nistal e Héctor Vilas López amonestaron polos baleares con cartón amarelo a Barrón e Mateus Maia. Nos belgas, amarela a Giovanni.


Incidencias: partido correspondente á 2ª xornada do VII Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page