CRÓNICA SEMIFINAL XXXIV COPA GALICIA FS (VIL 2–6 NPA) | Á sexta final… e a pola quinta Copa!
- 2 hours ago
- 2 min read

O Noia Portus Apostoli FS supera sen dificultades (2-6) ao Grupo FORMA-T Vilalba FS e dirá presente nunha final de Copa Galicia FS por sexto curso consecutivo. O lugar, Pontevedra; a data, a priori o mércores 1 de abril; o rival, o outro galego de Primeira, O Parrulo Ferrol FS.
Custoulles 11 minutos aos noieses abrir a lata dun partido no que xa dominaban. Iso si, unha vez o fixeron, rompérono. Cun disparo de lonxe, Ismael colocou o 0-1. A continuación, Churrasco recibiu de Gui Lima para o segundo. O terceiro correu a cargo de novo de Ismael, letal na área. Ao igual que o filialista Brais, que estreou a súa conta goleadora co Primeiro Equipo rematando un balón solto que supuxo o 0-4.

Ás boas novas do marcador sumáronse os debuts de Monteros e o filialista Teo, ademais dos minutos doutro xogador do “B” como Nico Cuello.
Sen complicacións
O ecuador inicial do segundo acto transcorreu sen maior alteración. A 10 minutos do final, os locais deron entrada ao porteiro-xogador, co que esixiron a mellor cara defensiva do Portus Apostoli. Nunha desas, Altamirano axustizou desde a súa media pista, subindo ao marcador o 0-5.

Xa no tramo final, os vilalbeses atoparon premio ao seu esforzo de cinco por partida dobre, cos tantos de Álex Durán e Fari. Nada que puxera en apretos o resultado final. De feito, a definitiva púxoa o Noia, con Monteros finalizando a súa estrea cun gol que celebraron equipo e un gran número de afección noiesa desprazada como rúbrica dun novo fito: a sexta final seguida. O seguinte obxectivo, traer a Copa por quinta ocasión consecutiva.
Próximo partido
Fin de semana de parón ligueiro pola Copa de España FS. O vindeiro envite será a xornada 23 de Primeira División FS, o 28 de marzo ás 19:30h en pista do Viña Albali Valdepeñas.
Ficha técnica
Grupo FORMA-T Vilalba FS: César (p) (c), Isma, Martín R., Hugo Beceiro e Kevin Chis. Tamén xogaron Tini (p), Fari, Antón, Héctor, Dieguito, Álex Durán e Dani.
Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Gui Lima, Thierry, Altamirano (c) e Ismael. Tamén xogaron Monteros, Macedo, Brais, Biel, Teo, Nico Cuello, Churrasco e Rubi.
Goles: 0-1 Ismael (11’), 0-2 Churrasco (12’), 0-3 Ismael (13’), 0-4 Brais (15’), 0-5 Altamirano (32’), 1-5 Álex Durán (37’), 2-5 Fari (38’), 2-6 Monteros (40’).
Os árbitros Daniel López López e Roberto Segundo Amor Vizoso amoestaron con tarxeta amarela nos vilalbeses a Kevin Chis (1’), Isma (17’), Álex Durán (40’) e Tini (40’). Nos noieses, amarelas a Monteros (9’) e Nico Cuello (21’).
Incidencias: partido correspondente á rolda a partido único de semifinais da XXXIV Copa Galicia FS 2025/2026, disputado no Municipal de Vilalba ante uns 350 espectadores, cun medio centenar de noieses desprazados.





Comments