top of page

CRÓNICA FINAL XXXIII COPA GALICIA FS (LEI 3–7 NPA) | A cuarta xa está aquí!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • Apr 17
  • 3 min read

Xoves, 17/04/2025 · 23:00h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli instala a súa hexemonía na competición galega cun festín goleador na gran final de Lugo.


O Noia Portus Apostoli FS segue facendo historia na Copa Galicia FS. A cuarta consecutiva xa está nas vitrinas noiesas, poñéndose á altura dos mellores do torneo. Os de David Palmas converteron a finalísima en Lugo ante o Stellae Leis Pontevedra FS nun atracón de goles, co protagonismo de Pirata, que anotou 5 dos 7 e levou o MVP.


Menos dun minuto tardou o capitán en estrear a súa conta goleadora, a través dun golpeo preciso en acción de saque de esquina botado por David Pazos. O 0-1 deu esa necesaria tranquilidade, agradecida cando o partido entrou nun tramo pestoso, de constantes interrupcións e pouco xogo. En canto o Portus Apostoli lograba fuxir diso, xeraba moito perigo sobre a portería de Dani. Un largueirazo de Pirata, como unha das probas.


A intensidade do Stellae Leis Pontevedra FS, conscientes de que por aí pasaban boa parte das súas opcións de intentar a heroica, xogoulles unha mala pasada. Apenas transcorreran 12 minutos cando chegou a súa sexta falta, e desde o punto de dez metros Pirata non perdoou.


Co 0-2, o Noia uliu a sangue do seu rival. Izan, peche do Filial que entrou en convocatoria polas baixas de Power e Diego, estivo preto de redondear a súa reseñable actuación, pero o seu disparo impactou no pau. A lei noiesa era patente sobre o 40x20, e Altamirano reforzouna conseguindo o terceiro nunha cabalgada tras recuperación en pista propia. Porén, os amarelos non baixaron os brazos, e a décimas de encarar vestiarios reduciron distancias por medio de Said.


Control total e goleada para erguer a cuarta


Se había cualquera posibilidade de reacción do Stellae Leis Pontevedra FS, Pirata encargouse de apagala. O hat-trick do lucense puxo o 1-4, e o Portus Apostoli aproveitouno para controlar o partido ao seu antollo coas incorporacións de Schütt e o paso atrás dun conxunto rival superado.


Thierry fixo o quinto, xa dentro dos últimos dez minutos, e Pirata engordou a súa cota anotadora persoal a cinco, desarmando a un opoñente que o intentou co porteiro-xogador sen éxito. Só nos compases finais, coa afección noiesa xa ao berro de “campións, campións” lograron maquillar o resultado ao definitivo 3-7, cun penalti transformado por Said e o gol de Semedo.


Autos Lobelle e Noia Portus Apostoli FS son os dous únicos equipos que ergueron catro veces consecutivas a Copa Galicia FS. Motivos de sobra para tratar de hexemonía xa este idilio perfecto entre a competición galega e un Noia que, tras ver ao seu capitán Pirata elevar ao ceo de Lugo o trofeo de campións, soña xunto á súa afección con continuar escribindo capítulos neste torneo con letras de ouro moitas temporadas máis.


Próximo partido


Dentro de tres días, o domingo 20 ás 13:00h no Agustín Mourís, partido trascendental en Primeira División FS contra o Quesos Hidalgo Manzanares FS pola xornada 26 ligueira.



Ficha técnica

Stellae Leis Pontevedra FS: Dani (p), We Casas, Alán, Arturo e Said. Tamén xogaron Yeray, Aicardo, Semedo, Nico (c), Izan, Joni Costas e Silva.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, David Pazos, Álex García e Pirata (c). Tamén xogaron Altamirano, Garrincha, Douglas, Thierry, Izan e Guilherme.


Goles: 0-1 Pirata (1’), 0-2 Pirata (12’), 0-3 Altamirano (17’), 1-3 Said (20’), 1-4 Pirata (23’), 1-5 Thierry (32’), 1-6 Pirata (35’), 1-7 Pirata (36’), 2-7 Said, de penalti (38’), 3-7 Semedo (40’).


Os árbitros Roberto Segundo Amor Vizoso e Pablo Coello Martínez amoestaron con tarxeta amarela nos pontevedreses a We Casas (2’), Izan (7’), Said (9’), Aicardo (9’) e Silva (40’). Nos noieses, amarelas a Pirata (16’), Guilherme (25’) e Douglas (37’).


Incidencias: partido correspondente á final da XXXIII Copa Galicia FS, disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo ante uns 1.500 espectadores.

Comments


bottom of page