top of page

CRÓNICA AMISTOSO DE PRETEMPORADA (PAR 3–2 NPA) | A pola Liga con sensacións positivas a pesar do resultado

  • 5 hours ago
  • 3 min read
Venres, 04/09/2026 · 23:55h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses deixaron boa impresión pero pecaron de acerto cara a gol, o que definiu o marcador da última cita da pretemporada.
Venres, 04/09/2026 · 23:55h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses deixaron boa impresión pero pecaron de acerto cara a gol, o que definiu o marcador da última cita da pretemporada.

O Noia Portus Apostoli FS saldou o seu compromiso final de pretemporada con derrota (3-2) na cancha de O Parrulo Ferrol FS, aínda que co bo sabor de boca polo despregamento realizado sobre o parqué de A Malata.


E é que o conxunto de David Palmas dominou a pelota practicamente desde o comezo do choque. Faltaban as ocasións claras, que chegaron por partida dobre rondando o ecuador do primeiro tempo. Ambas pertenceron a Altamirano, que na primeira fixo empregarse a fondo a Caio César e na segunda estivo a piques de rematar só no segundo pau.


Pazos anotou o golazo da tarde | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Pazos anotou o golazo da tarde | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Porén, a lata abriuna o equipo local. Novoa, cun disparo axustado desde fóra da área, bateu a Di Fanti para o 1-0 no minuto 11. A reacción noiesa non se fixo agardar. Thierry quedou a milímetros de facer pagar unha imprudencia na área do propio Novoa. Entre Caio e a madeira evitárono. Pero nada puido facer o gardameta brasileiro na fabulosa volea de David Pazos, unha exquisita finalización a un gran pase elevado de Biel que supuxo o empate a un no minuto 13. Xustamente Biel gozou da máis clara para desnivelar o electrónico do lado visitante. O seu intento, co porteiro rival xa vencido, foise desviado.


Pouco de proba


Nada máis saír de vestiarios, Charly topou co pau nun intento por banda dereita. O mesmo lle sucedeu a Rubi, xa no minuto 26. Di Fanti emerxeu tamén, sobre todo para negar o gol a Rubén Orzáez. Pero, por xogo e ocasións, semellaba o Portus Apostoli o indicado para anotarse o segundo tanto nun duelo que, a unha semana de iniciar a competición, desprendía aroma a Liga polo esforzo dos dous equipos. Aínda que o escenario mudou coa expulsión de Thierry. O á viu a segunda amarela ao señalizar os colexiados unha infracción en saque de banda defensivo. Con superioridade numérica, os parrulos non demoraron en aproveitar para facer o 2-1 por medio de Novoa.


Ademais da alta competitividade de ambas escadras, a falta de acerto dos noieses, que estreaban a súa terceira indumentaria de cor vermella, seguiron sendo constantes. Mentres, O Parrulo colocaba o 3-1 no 36’ grazas ao remate de Jhoy en acción de estratexia. En cuestión de segundos o peche local pasaría de heroe a vilán, pola segunda amarela que o enviaba a vestiarios. O Noia devolveu a moeda no tramo final da superioridade co tanto de Macedo. Dous minutos restaban para ir a polo empate. Puido conseguilo David Pazos, pero o seu disparo retívoo Palazón, asegurando o triunfo ferrolán, que non borra a impresión positiva noiesa na previa do debut na Liga Prime Futsal.


Próximo partido


O sábado 12 de setembro o Noia Portus Apostoli FS inicia o seu percorrido na renovada Liga Prime Futsal, recibindo a partir das 20:30h a ElPozo Murcia Costa Cálida FS. Podes mercar xa as túas entradas para o partido.




Ficha técnica

O Parrulo Ferrol FS: Caio César (p), Lucas Farias, Diogo, Novoa e Yan Matheus. Tamén xogaron Palazón (p), Rubén Orzáez (c), Quelle, Jhoy, Rikelme e Brayan.


Noia Portus Apostoli FS: Di Fanti (p), Mykytiuk, Thierry, Charly e Biel. Tamén xogaron Altamirano, Macedo, Koeman, Juampi Cuello, David Pazos (c), Dani Colón e Rubi.


Goles: 1-0 Novoa (11’), 1-1 David Pazos (13’), 2-1 Novoa (28’), 3-1 Jhoy (36’), 3-2 Macedo (38’).


Os árbitros Roberto Segundo Amor Vizozo e Javier Menéndez Nistal amoestaron con tarxeta amarela nos ferroláns a Lucas Farias (12’) e Jhoy (27’ e 36’). Nos noieses, amarelas a Koeman (14’), David Pazos (25’) e Thierry (26’ e 27’).


Incidencias: partido amistoso de pretemporada, disputado no Municipal A Malata de Ferrol ante uns 1000 espectadores, con varias decenas de afeccionados noieses.

Comments


bottom of page