“Teño moitas ganas de empezar a adestrar”
- 5 hours ago
- 2 min read
A última incorporación do Portus Apostoli irradia frescura, ambición e, como non se cansa de dicir, ganas. Desde Culleredo e procedente do REYCO Burela FS, Charly chega ao Agustín Mourís para aportar toda a súa calidade e competitividade ao equipo de David Palmas como un dos mellores prospectos do fútbol sala galego.
O xogador, de 24 anos, está “moi contento por volver a un equipo de Primeira, facelo en Galicia e con moitas ganas de empezar e demostrar ao Club que estou preparado”. A proposta noiesa chamoulle de maneira especial a atención por “principalmente, o interés do Club. Desde o primeiro día que nos puxemos en contacto notei as ganas que tiñan de que viñera”, explica.

Charly defínese como “un xogador eléctrico, con moita intensidade, velocidade. Creo que iso é o que podo aportar, ademais de compromiso e moitas ganas”. Sábeo xa a parroquia branca, que anteriormente o sufriu en contra coas camisetas de O Parrulo e os laranxas, e tamén algún dos seus novos compañeiros cos que xa compartiu vestiario, como Ismael. “Pouco a pouco vou coñecendo xente do Club. Dentro de nada xa coñecerei a todos”, afirma o á, que confía nunha adaptación rápida e na que “sairá todo rodado”.
En pouco máis dunha semana, a maquinaria noiesa arrancará motores, nunha pretemporada que “afronto con moitas ganas. De empezar a adestrar, ver o sistema do equipo, do adestrador”. E en algo máis dun mes, será turno da Liga, cun contexto competitivo que mudou e sobre o que o culleredés opina que “como profesionais debemos adaptarnos ao que demande a competición, non creo que haxa problema”.
O que no cambiará será o apoio dunha afición da que “pouco podo agardar dela, porque xa xoguei en contra e é impresionante ver como apreta o pavillón. Incluso, cando xogamos en Burela desprazouse moita xente e notouse. É un pracer telos agora do meu lado”, confesa.





Comments