David Pazos, Altamirano e Rubi, capitáns do Noia Portus Apostoli FS 2025/2026
- Departamento prensa Noia PA FS

- Aug 6
- 2 min read

O corpo técnico e o vestiario do Noia Portus Apostoli FS xa decidiron ás súas figuras representativas dentro da pista para a temporada 2025/2026. David Pazos asume a responsabilidade de primeiro capitán, con Altamirano como segundo e Rubi terceiro.
O de Ames entrou o curso pasado na xerarquía do brazalete como terceiro, e, tras as saídas de Pirata e Power Raggiati, pasa ao primeiro chanzo da capitanía. “Para min é un orgullo ser o capitán deste plantel”, afirma un Pazos que tamén recoñece que “posiblemente este é o Club no que estiven que máis se identifica cos meus valores e teño a sorte de poder gozalo ao lado da casa”. O á promete “axudar e aportar toda a experiencia que teño e o que coñezo este Club para que os meus compañeiros estean o mellor posible e sexa unha moi boa temporada”.
Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Esta campaña será a quinta de Altamirano coa camiseta do Portus Apostoli, o que máis do equipo. O arxentino é o novo segundo capitán, algo que define como unha “linda oportunidade” e “unha experiencia nova para min, nunca estivera nesta situación”. Ocupación descoñecida que afronta “coa maior das ilusións e con responsabilidade, que é o que implica este posto, e farei todo o posible para honrar a cinta”.
O terceiro xa practicamente o era tamén sen o brazalete. A experiencia e liderado de Rubi entran no grupo de capitáns, o que lle provoca estar “feliz e orgulloso”, ademais de con esa mencionada cuota de “responsabilidade”. O santiagués aspira a “poder axudar o maior posible nesta nova faceta”.

















Comments