Setembro trae o primeiro menú de competición
- 12 hours ago
- 1 min read

Setembro é volta a casa, ao traballo, ao colexio, á rutina... e á competición para o Noia Portus Apostoli FS, que disputará un total de catro encontros neste mes.
O primeiro deles será o derradeiro test previo ao comezo da Liga Prime Futsal 2026/2027. Os noieses visitarán este venres 4 ás 20:00h ao O Parrulo Ferrol FS en A Malata, a oito días da estrea ligueira. Esa producirase o sábado 12 a partir das 20:30h, nun Municipal Agustín Mourís que recibirá ao actual subcampión e equipo de UEFA Futsal Champions League, ElPozo Murcia Costa Cálida FS, partido para o que xa podes mercar a túa entrada.

As dúas seguintes citas do Apertura da Liga Prime Futsal virán en domingo. Os de David Palmas afrontarán a súa primeira saída o día 20 ás 13:00h no Olivo Arena do Jaén Paraíso Interior FS. A terceira data e última de setembro queda para o 28 ás 16:30h na casa ante un dos ascendidos, o SurSeeds El Ejido Futsal.





Comments