Maio: dous partidos e o que xurda
- May 1
- 1 min read

E ata aquí... ou non. O mes de maio tráelle ao Noia Portus Apostoli FS os dous últimos partidos da Liga regular de Primeira División FS, nos que, se suma os puntos suficientes e se dan certos resultados doutros equipos, podería aspirar a entrar no top 8 e, por tanto, disputar o PlayOff polo título.
Ambos encontros serán lonxe do Mourís, aínda que o primeiro non moito. Derbi na xornada 28 este sábado 2 a partir das 20:30h no Municipal A Malata de Ferrol. Os noieses buscarán tres puntos que lle farían ser o mellor equipo galego da Liga e, ademais, o desquite da final da XXXIV Copa Galicia FS.
Como o Portus Apostoli xa disputou por adiantado o seu compromiso da xornada 29 (derrota 0-2 contra Illes Balears Palma Futsal), a seguinte será semana de descanso. Así, tras o derbi as vistas estarán postas no sábado 16 ás 13:00h, cando os brancos pecharán o campionato regular, como xa vén sendo tradición, na pista do Movistar Inter FS.
Dous partidos e seis puntos polos que loitar ao máximo e ante todas as adversidades, como nos acostumou este plantel e corpo técnico durante toda a temporada, especialmente nas últimas datas. E iso, pase o que pase na clasificación, é o máis importante.





Comments