top of page

Chega a Liga Prime Futsal: este é o calendario noiés para a temporada 2026/2027 na nova competición doméstica

  • Jul 1
  • 4 min read
Mércores, 01/07/2026 · 13:10h | Os brancos iniciarán a súa andaina na reformulada Liga a fin de semana do 12 de setembro na casa ante ElPozo Murcia Costa Cálida FS.
Mércores, 01/07/2026 · 13:10h | Os brancos iniciarán a súa andaina na reformulada Liga a fin de semana do 12 de setembro na casa ante ElPozo Murcia Costa Cálida FS.

A temporada 2026/2027 supón un antes e un despois na máxima categoría do fútbol sala nacional. Cambio de denominación, Liga Prime Futsal; a fase regular divídese en dous torneos que terán os seus respectivos campións, Apertura e Clausura; e a Copa de España e a Copa do Rei FS unifícanse nunha soa competición que quedará co nome da primeira e mantén ambos espíritos. Todo iso, e algúns detalles máis, xa ten a súa folla de ruta en forma de calendario, tal e como se desvelou onte por parte da RFEF na Praza Selección de Madrid, e, por tanto, o Noia Portus Apostoli FS xa coñece o camiño que percorrerá no seu quinto curso entre os mellores.


O 12 de setembro, bandeirazo de saída ante ElPozo na casa

Por segunda vez desde que está na elite, o cadro noiés iniciará a Liga como local. Os de David Palmas recibirán a fin de semana do sábado 12 de setembro ao subcampión e equipo de UEFA Futsal Champions League, ElPozo Murcia Costa Cálida FS. Ese encontro significará tamén o comezo do Torneo Apertura, que se pechará coa única xornada intersemanal ligueira e as uvas a remollo, o mércores 30 de decembro, tamén no Mourís fronte ao ascendido Wanapix AD Sala 10 Zaragoza. O derbi ante O Parrulo Ferrol FS xogarase a finde anterior, o sábado 26, na cidade departamental.


O Torneo Clausura empezará a segunda fin de semana do 2027, o do 9 de xaneiro, cos brancos visitando ao campeón, o Barça. O último, tamén ante o Wanapix AD Sala 10 Zaragoza, disputarase o sábado 15 de maio. O enfrontamento galego do Agustín Mourís queda encadrado para o sábado 3 de abril.


ElPozo Murcia Costa Cálida FS, rival na estrea | Imaxe: Foto Pichero
ElPozo Murcia Costa Cálida FS, rival na estrea | Imaxe: Foto Pichero

Torneo Apertura e Torneo Clausura: como funcionan?

Adeus, primeira e segunda volta; benvidos, Torneo Apertura e Torneo Clausura. A esencia do de sempre, 15 xornadas cada un nas que todos os equipos xogarán entre eles con sete ou oito partidos como locais, pero cun trofeo de campión e algo máis agardando ao final de ambos.


As primeiras 15 datas conforman o Torneo Apertura, que se disputará desde setembro ata decembro e determinarán o primeiro campión da temporada (máis aló da Supercopa de España FS, que regresa ao mes de setembro). Ese equipo, xunto ao segundo clasificado, aseguraranse a súa participación no PlayOff. Ademais, os seis primeiros selarán o seu pase á fase final da Copa de España FS, que se xogará en marzo.


As 15 restantes corresponden ao Torneo Clausura, que se desenvolverá desde xaneiro ata maio e tamén coronará a un campión. Ao igual que no Apertura, ese equipo e o segundo clasificado gañaranse praza no PlayOff. Este segundo torneo determinará os postos de descenso, xa que os dous equipos con menor puntuación sumando Apertura e Clausura perderán a categoría.


Como queda o PlayOff?

Unha semana despois da disputa do Clausura dará comezo o PlayOff de campión de temporada. Constará de oito equipos que se batirán en series eliminatorias desde cuartos de final ata a final, todas elas ao mellor de tres partidos. Tal e como reflectimos anteriormente, participarán na postemporada os dous primeiros clasificados de Torneo Apertura e Clausura, e xunto a eles os catro (ou máis equipos se os anteriores coinciden) que máis puntos sumen entre ambas competicións.


Unha nova Copa de España FS, coa esencia da Copa do Rei FS

A Copa do Rei FS desaparece e pasa a integrarse na Copa de España FS. O espírito de dous torneos, nun. Ata 96 equipos, desde a Liga Prime Futsal ata a Terceira División FS, participarán nesta competición desde a rolda previa ata a fase final, que constará das habituais 8 prazas e repartiranse da seguinte maneira.


Os 6 primeiros clasificados ao remate do Torneo Apertura da Liga Prime Futsal conseguirán o seu billete en decembro. Os outros 2 postos comezaranse a decidir desde setembro, coa rolda previa na que entran 36 conxuntos de Segunda División “B” FS e Tercera División FS. A continuación, xogaranse tres roldas eliminatorias máis entre os equipos que sobrevivan desa previa e os de Segunda División FS. Na 4ª eliminatoria, a disputarse o 12 ou 13 de xaneiro, entrarán os 10 equipos restantes da máxima categoría, do 7º ao 16º clasificados do Apertura. O 2 ou 3 de febreiro, coa 6ª e definitiva eliminatoria, decidiranse os 2 equipos que completarán a nómina de participantes da Copa de España FS.


Adeus á Copa do Rei FS | Imaxe: Foto Pichero
Adeus á Copa do Rei FS | Imaxe: Foto Pichero

Postos de clasificación a UEFA Futsal Champions League

Ao igual que ata agora, a asignación de prazas para a UEFA Futsal Champions League dependerá se hai campión español ou non.


No caso de que o campión sexa español, só haberá unha praza, xa que a outra estará reservada para ese. A segunda praza correspondería ao campión do PlayOff de temporada ou, no caso de que coincida co campión de Europa, para o equipo que máis puntos sume entre os torneos Apertura e Clausura. Se tamén coincide neste punto, a praza será para o finalista da temporada.


E no caso de que o campión non sexa español, haberá dúas prazas, unha para o campeón do PlayOff de temporada e outra para o que máis puntos sume entre Apertura e Clausura. No caso de coincidencia, a segunda praza será para o finalista da temporada.

Comments


bottom of page