O cuarto capítulo en Primeira empeza en Manzanares | Consulta o calendario ligueiro completo da temporada 2025/2026!
- Departamento prensa Noia PA FS
- 9 hours ago
- 3 min read

Mércores, 02/07/2025 · 15:45h | O campionato ligueiro regular iniciará a fin de semana do 6 e 7 de setembro, con fin o 16 ou 17 de maio.
A Real Federación Española de Fútbol desvelou este martes, nun evento en San Juan de la Nava (Ávila), o calendario da Primeira División FS 2025/2026, entre outros das principais competicións de fútbol e fútbol sala para o vindeiro curso. Desta maneira, quedou conformado o camiño do Noia Portus Apostoli FS na súa cuarta aventura na elite.
Este curso, o inicio do campionato regresa a unha data máis habitual. O balón empezará a rodar a fin de semana do 6 e 7 de setembro, e para os noieses farao na pista do Quesos El Hidalgo Manzanares FS. Apenas uns días despois, na primeira das 3 xornadas intersemanais programadas, os de David Palmas estrearanse no Agustín Mourís recibindo o 9 ou 10 de setembre ao Jaén Paraíso Interior FS, co ex noiés Power Raggiati nas súas filas.
A primeira volta rematará ante os ascendidos. Na xornada 14, o cadro branco visitará ao Real Betis Futsal o 13 ou 14 de decembro e na 15 disputarase o primeiro dos derbis galegos da temporada, con O Parrulo Ferrol FS visitando o feudo noiés o 27 ou 28 de decembro en plenas festividades de Nadal. O derbi da segunda volta será na antepenúltima xornada, xa que o calendario volve a ser asimétrico (a orde de xornadas de ambas voltas non se corresponde), o 2 ou 3 de maio en A Malata, inmersos na recta final de curso.
O Portus Apostoli dirá adeus á súa xente no campionato regular na penúltima data fronte ao actual tricampión de Europa, Illes Balears Palma Futsal, o 9 ou 10 de maio. E, no que xa semella unha tradición, terminarao o 16 ou 17 de maio no Pavillón Jorge Garbajosa ante Movistar Inter FS, vixente campión de Copa do Rei FS, por terceira vez consecutiva.
Visitas destacadas ao Mourís, paróns e máis datas
Ademais da do cadro palmesano, o pavillón noiés terá outras visitas a resaltar. Na xornada 4 o 27 ou 28 de setembro, reencontro co ex adestrador Marlon Velasco, agora técnico de Viña Albali Valdepeñas. O 11 ou 12 de outubro na xornada 6 será o turno do Jimbee Cartagena Costa Cálida FS, bicampión ligueiro. Na 10, o 15 ou 16 de novembro, virá ao Mourís o Movistar Inter FS. Menos dun mes despois, o 6 ou 7 de decembro pola 13ª data, poñerá pé en Noia o Barça. E no segundo partido na casa do 2026, os nosos recibirán a ElPozo Murcia Costa Cálida FS, o 21 ou 22 de febreiro na 19ª xornada.
Un gran parón de máis dun mes destaca no calendario. Do 10 ou 11 de xaneiro ata o 14 ou 15 de febreiro non haberá Liga pola disputa da Eurocopa 2026 en Letonia, Lituania e Eslovenia.
Máis aló doutros compromisos internacionais, o resto de detencións do campionato deberanse á disputa da Supercopa de España FS (o 3 e 4 de xaneiro) e a Copa de España FS (do 19 ao 22 de marzo). Esta campaña, a Final Four da Copa do Rei FS terá lugar unha semana despois da última xornada ligueira (23 e 24 de maio) e o PlayOff polo título de Liga xogarase a partir do 28 ou 29 de maio.
Comments