Tiago Macedo pon a guinda ao verán do Noia Portus Apostoli FS
- Departamento prensa Noia PA FS

- Jul 30
- 1 min read

Mércores, 30/07/2025 · 14:55h | O internacional con Portugal chega ao Mourís en calidade de cedido polo Sporting CP.
Coa pretemporada en marcha, o Noia Portus Apostoli FS suma con Tiago Manuel Rodrigues Macedo (Lisboa, Portugal. 03/07/2004) a súa sexta e última incorporación de cara á temporada 2025/2026. O á zurdo, catalogado como un dos xogadores mozos con máis futuro do continente, vestirá a branca en calidade de cedido polo Sporting CP.
Descaro, desequilibrio e verticalidade definen a Macedo, un xogador capaz de facer cousas diferentes sobre o parqué. Formado na canteira do Club lisboeta desde os 9 anos, debutou co primeiro equipo con tan só 16, dando boa proba do seu talento e precocidade. Tras a súa promoción ao plantel principal ergueu tres Liga Placard, unha Taça da Liga e unha Taça de Portugal. O curso pasado disputouno, tamén a préstamo, no Córdoba Patrimonio de la Humanidad, na que era a súa primeira experiencia fóra da casa.
A carreira deportiva de Macedo tamén está ligada a outra camiseta: a de Portugal. Na súa etapa formativa foi un fixo nas categorías inferiores da selección lusa, destacando a conquista en 2023 da EURO Sub-19, na que foi incluído no mellor quinteto do torneo. A pasada temporada cumpriu o soño de estrearse coa absoluta de Portugal, presente en dúas convocatorias da campioa de Europa.
Benvido a Noia, que xa é a túa nova casa, Tiago!











Comments