A quinta final seguida de Copa Galicia FS: que pasou nas outras catro?
- Departamento prensa Noia PA FS
- 4 days ago
- 4 min read
Updated: 3 days ago

Martes, 15/04/2025 · 19:30h · Imaxe: Foto Pichero | Así lle foi ao Portus Apostoli nas súas anteriores catro finalísimas autonómicas.
Este xoves 17 de abril ás 18:00h, o Noia Portus Apostoli FS fará acto de presenza na súa quinta final de Copa Galicia FS, ademais, de maneira consecutiva. Antes de descubrir que pasará en Lugo, lembramos como foron as anteriores.
Estrea con derrota en Narón

Subcampionato de moito mérito (imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS).
O Portus Apostoli plantouse na súa primeira final galega na edición XXIX, a da interrumpida temporada 2019/2020, tras eliminar a A Estrada Futsal (1-5), ADFS Bueu (1-9), Pizarras Tres Cuñados (2-7) e Santiago Futsal (3-4 e 0-0), nunha eliminatoria disputada en campañas distintas. A pandemia pola COVID-19 retrasou a cita ata o 9 de xaneiro de 2021, cando os noieses, en Segunda División FS, se enfrontaron no Pavillón de A Gándara de Narón a un Pescados Rubén Burela FS de Primeira.
Antonio Diz puxo por diante aos de Marlon Velasco aos 6 minutos de duelo. Porén, os bureleses déronlle a volta de forma contundente, e ao descanso xa gañaban 5-1. Entre os tantos laranxas, un dobrete do agora noiés David Pazos. Na segunda metade os nosos non baixaron os brazos e impactaron ata catro veces coa madeira. Só Javi Rangel logrou anotar, colocando o definitivo 5-2. As primeiras veces nunca son fáciles, e así o comprobou o equipo branco, que se foi de Narón como un digno subcampión.
A primeira, a guinda a un ano histórico

Marín 2022, para a historia (imaxe: Foto Pichero).
O Noia chegou á súa segunda final xa como equipo ascendido a Primeira. A campaña 2021/2022 foi sinónimo de espectáculo en Liga, de machada en Copa do Rei FS e de éxito na edición XXX de Copa Galicia FS. Un camiño que iniciou ante o Sala Ourense (1-11) e seguiu nunha dura eliminatoria ante Pescados Rubén Burela FS (5-3 e 3-1), na que a tanda de penaltis deu o billete a Marín.
O Municipal A Raña marinense reuniu o día das Letras Galegas de 2022 ao Portus Apostoli con O Parrulo Ferrol FS en disputa do trono autonómico. Ambos equipos víranse as caras unhas semanas antes, con claro triunfo noiés. Pero esta vez era unha final, e a cousa foi ben distinta. Bruno Gomes e Javi Rangel remontaron o tanto inicial de Adri para os parrulos, que dispuxeron de dous tiros de dez metros no primeiro acto. O gol de Pedro levou un igualado encontro á prórroga, e, tras un máis por bando, a tensión trasladouse ao punto de penalti. Ao igual que en semis, os brancos saíron gañadores grazas ás paradas de Marcos Ferreyra e a definitiva diana de Bruno Gomes, coroando por primeira vez ao Portus Apostoli como rei de Galicia.
Profeta na súa terra

Na casa, un sabor distinto (imaxe: Foto Pichero).
Outro curso sinalado na historia noiesa, o 2022/2023. O do debut en Primeira, o da vitoria no Palau, o da participación no PlayOff polo título e o da segunda Copa Galicia. Esta, aínda máis especial, ao erguela na casa.
O equipo de Marlon Velasco gañouse a opción de proclamarse campión no Mourís tras desfacerse do SD Pazos de Borbén (1-8) e O Parrulo (2-6) nas roldas previas. Na gran final do 17 de maio batiu ao ADC Lugo Sala por un marcador final de 5-1, con goles de Lluc por partida dobre, Douglas, Pirata e Álex García. Licenza para desatar o éxtase total nun fortín noiés que estivo á altura organizativa e deportiva na súa primeira festa do fútbol sala galego.
De novo no Mourís

Peche ideal á extraordinaria carreira deportiva de Pola (imaxe: Foto Pichero).
Segundas partes a veces tamén son boas. O Agustín Mourís repetiu como sede da final da XXXII edición do torneo autonómico na 2023/2024. Unha campaña complicada, pero que se resolveu con dobre final feliz para un Portus Apostoli que se salvou en Liga e celebrou a súa terceira Copa Galicia seguida, igualando rexistros só logrados previamente por Autos Lobelle e Leis Pontevedra FS.
Tras vencer a IES Coruxo (2-7) e Stellae FS – Valga (0-2), o Noia meteuse na súa cuarta final consecutiva, de novo na casa e, como en 2022, ante O Parrulo Ferrol FS. E, ao igual que pasara en aquel duelo, os ferrolans comezaron por diante. Esta vez, por dous tantos de diferenza. Antes do descanso xa empataran Pirata e Matheus Preá. Na segunda metade, outro gol de ambos e o quinto de Power Raggiati certificaron o triplete de anos seguidos erguendo o trofeo, segundo nunha Vila que, de novo, festexou xunto ao seu equipo por todo o alto.
Buscando unha nova hexemonía

O Municipal lucense volverá a decidir, como en semis (imaxe: Foto Pichero).
Nesta quinta final consecutiva, os de David Palmas están ante a oportunidade de instalar unha nova hexemonía galega, facendo o que só fixo antes un equipo na historia: conquistar a Copa Galicia por cuarta ocasión seguida. Algo que, ademais, asentaría aos brancos no podio de gañadores con catro títulos, a un do Prone Lugo (2º con 5 triunfos) e aínda a outros catro dun Santiago Futsal ao que, con bo traballo e ambición, ansía seguir recortando pasos.
Comentarios