
Martes, 01/04/2025 · 14:10h · Imaxe: Foto Pichero | Catro partidos ligueiros e a gran final de Copa Galicia por diante no penúltimo mes do curso.
O Noia Portus Apostoli FS dá a benvida ao penúltimo mes da temporada con partido, o primeiro dun abril que alberga desafíos moi relevantes para o futuro do equipo branco.
Hai que empezar, como non, polo mesmo día de hoxe, martes 1 de abril. Ás 21:00h recibirán os de David Palmas na 24ª xornada ligueira ao Industrias Santa Coloma. No seu feudo, no Agustín Mourís, centran o seu plan de saída de postos de descenso que ocupan agora mesmo os noieses, e alí disputarán outro partido máis este mes. Será dentro de 19 días, o domingo 20 ás 13:00h fronte a Quesos Hidalgo Manzanares FS pola xornada 26, en partido que contará con emisión en aberto por Teledeporte.
Tan só tres días despois de hoxe verse as caras co Industrias Santa Coloma, os noieses afrontarán o primeiro de dous desprazamentos deste mes. Este venres 4 ás 20:30h toca visitar na 25ª data ao Illes Balears Palma Futsal, dobre campión de Europa e do Mundo, ademais de recente subcampión de Copa de España FS. O último encontro de abril tamén será como visitante e todo un duelo directo ante Viña Albali Valdepeñas no Virgen de la Cabeza o sábado 26 ás 18:30h pola xornada 27. Como aspecto curioso, será o primeiro que o Portus Apostoli dispute en sábado desde o 22 de febreiro en Córdoba.
O día 17, a agardada final de Copa Galicia FS
Abril daralle tamén a oportunidade ao Noia de erguer o seu cuarto título consecutivo de Copa Galicia FS. O xoves 17 de abril, a continuación da fin de semana de parón ligueiro por ventá de seleccións, vivirase en Lugo a festa do fútbol sala galego, coas finais feminina e masculina. Ás 18:00h, os de David Palmas xogaranse reeditar cetro autonómico contra o Stellae Leis Pontevedra FS.
Un dos obxectivos da temporada e que, de logralo, supoñería sen dúbida un gran chute de moral de cara a lograr o outro, a permanencia en Primeira División FS que pode pasar en boa parte por este mes, tras o que só restarán tres partidos.

Comments