Venres, 29/11/2024 · 13:30h · Imaxe: Foto Pichero | Tras romper o saco das vitorias na Copa, os noieses buscarán trasladar esa inercia á Liga nun duelo directo este sábado 30 ás 16:00h no Mourís.
O Noia Portus Apostoli FS rematará o carrusel de 5 partidos en 14 días cun duelo de máxima importancia, no que recibirán este sábado 30 ás 16:00h pola xornada 9 de Primeira División FS ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad, nun enfrontamento directo con máis que tres puntos en xogo.
Volven a florecer os sorrisos no vestiario noiés. A vitoria copeira do pasado martes en Valencia, primeira do curso, permitiu aos de David Palmas quitarse un considerable peso de erima, sobre todo no mental. Agora, máis desatenazados, os xogadores terán que trasladar ese cambio de dinámica á competición primordial, na que se lle presentan dous compromisos consecutivos como local que afrontan coa maior das ambicións para comezar a sumar triunfos ligueiros e abandonar o último posto da táboa.
O primeiro deses dous visitantes ao Mourís nas vindeiras semanas será o Córdoba Patrimonio de la Humanidad. Os califais, que tamén superaron con éxito o seu choque entre semana de Copa do Rei, son 11º con 10 puntos, botín que, maioritariamente, lograron no seu feudo (3/12 puntos lonxe de Vista Alegre). Ata 7 nacionalidades distintas aúna no seu plantel un cadro cuxo obxectivo volve a ser o de manter a categoría sen apuros, cun recoñecible esquema no que destaca o xogo de pívot con Kauê e as incorporacións ao ataque do porteiro por medio de Víctor Areales.
Dous vellos coñecidos da parroquia noiesa no vestiario cordobés: o técnico Emanuel Santoro, 2º adestrador na temporada 22/23 e que colleu as rendas do equipo andaluz despois da marcha de Josan González, e, sobre todo, Lluc. O catalán regresará por primeira vez ao Mourís tras poñer fin o pasado verano a un exitoso periplo de 5 temporadas (as últimas 2 como capitán), 141 partidos e 37 goles, sendo parte fundamental dos éxitos recentes do Club.
Horario pouco habitual para a práctica do fútbol sala no Agustín Mourís, pero a afección noiesa non fallará, porque non o fai nunca, na misión de ser ese sexto xogador que axude aos seus, aínda lastrados polas baixas, a ir a por unha vitoria que pode valer más que iso na clasificación e, en especial, no psicolóxico.
Declaracións previas
Entradas
Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 14:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 30 a partir das 16:00h.
Árbitros
Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara, do comité valenciano. Con esta parella, balance de catro derrotas.
Precedentes
·21 de outubro de 2017 | X6 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 4-6 CPH
·17 de febreiro de 2018 | X21 Segunda División FS 2017/2018 | CPH 7-2 NPA
·29 de setembro de 2018 | X3 Segunda División FS 2018/2019 | CPH 2-2 NPA
·26 de xaneiro de 2019 | X18 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 1-1 CPH
·15 de febreiro de 2022 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2021/2022 | NPA 2-3 CPH
·10 de setembro de 2022 | X1 Primeira División FS 2022/2023 | CPH 4-5 NPA
·14 de xaneiro de 2023 | X16 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 4-2 CPH
·25 de xaneiro de 2023 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2022/2023 | CPH 2-3 NPA
·9 de setembro de 2023 | X2 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 CPH
·13 de xaneiro de 2024 | X17 Primeira División FS 2023/2024 | CPH 7-2 NPA
Comments