top of page

PREVIA X7 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Jimbee Cartagena Costa Cálida FS | O campión visita o Mourís entre semana


Martes, 19/11/2024 · 21:00h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses tratarán de reclamar ese desexado primeiro triunfo en xornada intersemanal coa visita do defensor do título ligueiro este mércores 20 ás 20:30h.


Outra visita de altura para o Noia Portus Apostoli FS, que recibirá na intersemanal xornada 7 ao Jimbee Cartagena Costa Cálida FS, campión da pasada edición ligueira, no Agustín Mourís este mércores 20 ás 20:30h.


Segundo partido dos cinco en catorce días que afronta o Portus Apostoli nestas dúas semanas de altísima esixencia. Os noieses continúan enfocados en darlle a volta á dinámica negativa que atravesa e confiando no seu traballo no día a día, conscientes de que o caprichoso balón acabará entrando máis cedo que tarde, dando premio ao bo facer nos encontros.


Tras ElPozo e Barça, os cartaxeneiros serán o terceiro rival dos sete que o curso anterior xogaron PlayOff e que pasarán polo feudo noiés xa na primeira volta. O equipo dirixido por Duda está vivindo unha campaña histórica, coa súa primeira participación na UEFA Futsal Champions League, da cal disputarán a Ronda Élite a finais de mes. Antes de poñer todas as fixacións niso, os da trimilenaria buscan saír da “fochanca” de máis dun mes sen coñecer o triunfo en Liga e que os sitúa 7º con 11 puntos.


Unha nova oportunidade, un novo reto ante o que o Noia non estará só. Aí terá á súa afección, a que nunca falla, nin o fará a pesar do complicado horario, nin tampoco nesta difícil situación. Porque nas gradas do Mourís saben que a súa forza é ese sexto xogador que reforza ao máximo a un equipo que se sinte en débeda coa súa xente e que lle quere devolver xa ese inmenso cariño, poña quen se poña diante.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 19:00h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este mércores 20 a partir das 20:30h.


Árbitros

Cristian Cubero García e Luis Manuel Manso Martín, do comité madrileño. Sen precedentes con Cubero García; unha vitoria, un empate e unha derrota con Manso Martín.


Precedentes

·6 de decembro de 2022 | X12 Primeira División FS 2022/2023 | JCT 2-1 NPA


·29 de abril de 2023 | X27 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-4 JCT


·2 de setembro de 2023 | X1 Primeira División FS 2023/2024 | JCT 5-5 NPA


·23 de decembro de 2023 | X16 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 JCT

Comments


bottom of page