top of page

PREVIA X5 | Viña Albali Valdepeñas-Noia Portus Apostoli FS | A pola primeira no “Inferno”

Os noieses buscarán (sábado 14, 13:00h) repetir o triunfo logrado o curso pasado no Virgen de la Cabeza para sumar os seus primeiros tres puntos da temporada.
Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo, aragoneses, arbitrarán o encontro, emitido en directo pola web e app de FEF TV.

Nico Rosa conduce o balón ante Lluc e Pola nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

O Virgen de la Cabeza, un dos pavillóns máis esixentes do fútbol sala nacional, será o escenario no que o Noia Portus Apostoli FS perseguirá por quinta xornada consecutiva unha vitoria que se lle resiste neste duro inicio ligueiro de Primera División Fútbol Sala. Os de Tomás de Dios visitarán ao Viña Albali Valdepeñas este sábado 14 ás 13:00h, en directo por FEF TV.

Tras dous paróns en catro xornadas, a competición pon a directa. Ata o 9 de decembro, a Liga non volverá a deterse, con dúas xornadas entre semana, unha delas na próxima, que enfrontará ao Portus Apostoli en casa cos ascendidos, Servigroup Peñíscola e Family Cash Alzira. Por tanto, bótaselle enriba ao Noia un tramo importante da temporada, no que será clave empezar a sumar para tomar posicións na táboa.

Nas mesmas, aínda que con distintas miras, atópase o rival desta xornada, un Viña Albali Valdepeñas que tampouco sabe aínda o que é a vitoria esta campaña. O conxunto de David Ramos, un dos grandes animadores do verán coas incorporacións de Eloy Rojas, Fernando, Eric Martel, Alberto, Moha e os metas Marcao e Álex González, que unidos aos Solano (baixa para este duelo), Abbasi, Pol Pacheco, Boyis ou Rafael Rato conforman un plantel de nivel con altas aspiracións. Porén, ata a data só acumulan 3 puntos, con 1 derrota e 3 empates, o último cun gol sobre a bocina do Servigroup Peñíscola no feudo manchego.

Pola súa parte, Tomás de Dios conta coas baixas seguras de Matheus Preá, que entra na parte final da súa recuperación, e Edu Jabá, en Brasil tras a súa recente paternidade. Co resto, intentarán os brancos volver a asaltar “o Inferno da Mancha”, ao igual que fixeron o curso pasado, para abrir a lata dos triunfos e remontar o voo.


 
Declaracións previas



O desprazamento

O autobús da expedición branca arrancou cara a provincia de Ciudad Real na noite do xoves. Tras a chegada ao hotel de concentración e o almorzo, o equipo realizou o derradeiro adestramento previo ao duelo o venres ás 12:00h.

Emisión en directo

O partido emitirase en directo por FEF TV (dispoñible en web e app) este sábado 14 a partir das 13:00h.

Árbitros

Os aragoneses Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo. Con Faubell Zaldívar, balance dunha vitoria e unha derrota na categoría, mentres que baixo a arbitraxe de Lázaro Angulo o cómputo é dun triunfo.

Precedentes

·7 de outubro de 2017 | X4 Segunda División 2017/2018 | NPA 1-4 VAL


·3 de febreiro de 2018 | X19 Segunda División 2017/2018 | VAL 3-2 NPA

·15 de decembro de 2020 | Oitavos de final Copa do Rei 2020/2021 | NPA 1-4 VAL

·23 de outubro de 2022 | X5 Primeira División 2022/2023 | VAL 3-4 NPA

·18 de febreiro de 2023 | X20 Primeira División 2022/2023 | NPA 8-2 VAL

Comments


bottom of page