Xoves, 31/10/2024 · 16:00h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses buscarán en Anaitasuna, este venres 1 ás 19:30h, reforzar o empate da pasada xornada ante un teórico rival directo.
Co primeiro punto da temporada no casilleiro, o Noia Portus Apostoli FS quere romper o saco das vitorias canto antes. Anaitasuna é a seguinte parada no intento, con Osasuna Magna agardando aos noieses para disputar ás 19:30h deste venres 1, Día de Todos os Santos, o encontro da 4ª xornada ligueira.
Moral reforzada por borrar o “cero” da súa puntuación e mellora de sensacións foron dous dos aspectos relevantes que os brancos sacaron do 3-3 fronte a todo un ElPozo Murcia Costa Cálida FS. Con eses avances, o conxunto noiés afronta a súa segunda saída desexoso de sumar de tres por primeira vez no curso, algo que nos dous previos logrou como visitante.
Para iso, deberán superar a un Osasuna Magna que, pola súa parte, buscará seguir apoiándose no seu fogar para reconducir o camiño e reverdecer laureis do fantástico comezo da pasada campaña que lles valeu un billete á Copa. Os de Miguel Hernández abriron este curso cun contundente triunfo por 7-2 sobre Córdoba Patrimonio de la Humanidad, pero nos dous partidos posteriores, ambos lonxe de Pamplona, sucumbiron contra Servigroup Peñíscola FS (5-2) e Quesos Hidalgo Manzanares FS (5-4). Vitorias, empates ou derrotas, os navarros aseguran goles e un estilo propio moi vertical e vistoso, representado á perfección en Dani Saldise, Juninho, Asier, Pachu, Geraghty (que será baixa por sanción) ou o capitán Roberto Martil, entre outros. Para aportar ao esquema incorporaron este verán ao nipón Kokoro Harada (cedido polo Barça), ao ucraíno Ihor Korsun, o arxentino Panta e o brasileiro Ligeiro, unha das sensacións deste arranque de competición.
Á máis pura linguaxe da noite de Samaín, un hipotético triunfo en Anaitasuna viríalle de medo a un Portus Apostoli concienciado en confirmar os bos síntomas como o punto de inflexión cara arriba que precisan.
Declaracións previas
O desprazamento
Tras completar a última sesión de adestramento, a expedición noiesa puxo rumbo a Pamplona en bus o xoves pola mañá, con chegada prevista ao hotel ás 22:00h.
Emisión en directo
O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este venres 1 ás 19:30h.
Árbitros
Os aragoneses Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo. Balance noiés con Faubell Zaldívar de dúas vitorias e unha derrota; con Lázaro Angulo, tres vitorias.
Precedentes
·8 de novembro de 2016 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2016/2017 | NPA 2-3 OSA
·3 de decembro de 2022 | X11 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-2 OSA
·21 de abril de 2023 | X26 Primeira División FS 2022/2023 | OSA 3-6 NPA
·23 de setembro de 2023 | X3 Primeira División FS 2023/2024 | OSA 2-1 NPA
·14 de febreiro de 2024 | X18 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 7-3 OSA
Comments