top of page

PREVIA X2 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Jaén Paraíso Interior FS - Noia Portus Apostoli FS | O Olivo Arena, esixente primeira saída do curso


Sábado, 19/10/2024 · 16:15h · Imaxe: Foto Pichero | A pista dun dos equipos máis incómodos e competitivos da categoría será o escenario, este domingo 20 ás 13:00h, da primeira viaxe dos noieses.


O Noia Portus Apostoli FS afronta esta fin de semana a súa primeira saída da temporada, e vaia forma de empezar. O Olivo Arena, unha das pistas máis impoñentes do calendario e fogar do Jaén Paraíso Interior FS, o equipo competitivo e intenso por antonomasia da Primeira División FS, é o que lle agarda aos brancos este domingo 20 ás 13:00h, en partido de 2ª xornada ligueira.


A estrea non foi como desexaban os noieses, que, por primeira vez en 5 temporadas, comezaron a Liga caendo. O resultado de 0-1 foi aínda máis doloroso tendo en conta que o dominio e as ocasións pertenceron claramente aos galegos, fronte a un ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS que se suxeitou no seu porteiro e aproveitou unha das poucas que tivo para levarse o encontro. Con ese sabor agrio e 0 puntos no casilleiro con varios cocos á vista, no seo do Portus Apostoli céntranse en apretar aínda máis os dentes, pero coa calma e conciencia de que o xogo responde e os goles chegarán con naturalidade.


Este domingo será un día de, especialmente, subir un puntiño máis a intensidade e a concentración. Despistarse un instante contra Jaén Paraíso Interior FS pode custar moi caro, como xa demostraron no debut ligueiro. 5 segundos de partido lles bastaron para adiantarse na cancha do Pescados Rubén Burela FS, ao que acabarían derrotando por 1-4. Dani Rodríguez dispón no seu plantel de xogadores de altísimo nivel, moitos deles internacionais, con experiencia gañadora e un xen competitivo poucas veces igualable, tales como Chino, Alan Brandi, Mati Rosa, Espíndola, Dani Zurdo ou Renato. Co foco en seguir estando entre os mellores e loitar por títulos nacionais, os xienenses incorporaron cinco efectivos (Antoniazzi, Lemine, Cristian Rubio, Franklin e Carlos Sanz) para completar un bloque sólido e que ten as cousas claras.


Poucos rivais menos propicios para intentar recuperarse dunha anterior derrota que o Jaén Paraíso Interior FS. Porén, nas súas dúas visitas previas, o Portus Apostoli amosou que, máis aló do resultado final, o Olivo Arena non lle intimida, é á tercera deste domingo queren que vaia a vencida.


 

Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa chegou ao seu hotel de concentración en Bailén na mañá do sábado. A continuación, realizaron a última sesión de adestramento previa ao duelo do domingo no Olivo Arena.


Emisión en directo

O encontro emitirase en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, este domingo 20 ás 13:00h.


Árbitros

Os madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro. O balance noiés con González Moreta é de tres vitorias, un empate e tres derrotas. Con Sánchez Chamorro, tres gañados e dous perdidos


Precedentes

·12 de novembro de 2022 | X8 Primeira División FS 2022/2023 | JPI 4-3 NPA


·18 de marzo de 2023 | X23 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-3 JPI


·4 de novembro de 2023 | X9 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 JPI


·16 de marzo de 2024 | X24 Primera División FS 2023/2024 | JPI 3-2 NPA

Comments


bottom of page