top of page

PREVIA X29 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Wanapix AD Sala 10 Zaragoza | É unha final

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • May 9
  • 3 min read

Venres, 09/05/2025 · 15:35h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses afrontan un penúltimo partido da temporada clave (sáb. 10/05, 18:00h, FEF TV) no que só lles vale a vitoria.


Xa non hai marxe de erro. Se o Noia Portus Apostoli FS quere manterse na Primeira División FS, está obrigado a sumar de tres este sábado 10 ás 18:00h na visita á caldeira do Mourís do último e xa descendido Wanapix AD Sala 10 Zaragoza. Facelo daríalle unha opción de depender de si mesmo dentro de dúas semanas na definitiva xornada ligueira.


dúas xornadas por diante, seis puntos en disputa e catro equipos na batalla por escapar desa 15ª praza que, nestes momentos, ocupa o Noia. Dúas escadras teñen as contas claras: a Quesos El Hidalgo Manzanares FS e ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS un punto sálvaos matematicamente. Así, a pugna queda teoricamente reducida a un duelo galego entre noieses, con 25 unidades, e o CD Burela, que ten 27. Pase o que pase no duelo dos laranxas ante ElPozo Murcia Costa Cálida FS, os de David Palmas saben que para chegar ao desenlace do campionato no Jorge Garbajosa con posibilidades de permanencia, sexan cales sexan, precísase gañar si ou si aos maños.


Pola súa parte, Wanapix AD Sala 10 Zaragoza chega a Noia sen nada en xogo, último con 12 puntos e descendido desde hai un par de datas. Iso si, relaxación cero cara un equipo que para nada baixou os brazos e que vén de empatar nos seus dous últimos compromisos, un deles precisamente ante o CD Burela FS. Terminar con bo sabor de boca e lograr esa vitoria que tan cruelmente se lles resiste nesta segunda volta é o obxectivo dos dirixidos por Jorge Palos, que xa saben o que é gañar no Mourís este curso, ao facelo o pasado xaneiro en Copa do Rei FS. Nando Torres, con 12 tantos, é o máximo goleador dun conxunto no que milita o ex noiés e internacional absoluto español Adri Rivera.


É o partido máis importante da temporada. Sábeo o equipo, que recolleu en 2025 os froitos dun traballo monumental para remontar o que a moitos xa lles semellaba irrecuperable; sábeo tamén a afección, que nunca se separou nin un milímetro dos seus e é peza clave na xeira de catro triunfos consecutivos que suma o Portus Apostoli no Agustín Mourís. Este sábado, están ante a oportunidade de ampliar a mellor secuencia histórica en Primeira do Club na casa a unha quinta imprescindible para manterse na elite do noso fútbol sala.



Declaracións previas


Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 16:30h.



Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de FEF TV, por web e app, este sábado 10 a partir das 18:00h.



Árbitros

Jairo Leiva Martínez e David Pizarro Megías, do comité andaluz. Primeira vez que ambos arbitrarán ao Portus Apostoli.


Precedentes

·7 de xaneiro de 2025 | 1/8 de final Copa do Rei FS 2024/2025 | NPA 2-3 WAN


·25 de xaneiro de 2025 | X15 Primeira División FS 2024/2025 | WAN 1-3 NPA

Comments


bottom of page