top of page

PREVIA X29 | Noia Portus Apostoli FS – Real Betis Futsal | Nas nosas mans

A salvación matemática está a un paso para o Noia, que buscará concretala cun gran triunfo no duelo directo ante os béticos deste sábado 4 ás 19:00h no Mourís, en directo e exclusiva por FEF TV.
Os colexiados do encontro serán Aitor Felipe Madorrán, do colexio vasco, e David Urdánoz Apezteguía, do comité navarro.

(foto: Manuel Lorenzo)

Dependendo de si mesmo e no seu feudo, o Noia Portus Apostoli FS ten unha gran opción para pechar unha loita na que leva involucrado varios meses. Os brancos buscarán a vitoria para concretar, sen necesidade de mirar a outros, a permanencia matemática ante o Real Betis Futsal, un rival directo na misión, este sábado 4 a partir das 19:00h.


Datas de contas e transistores, aínda que para os noieses o asunto é sinxelo: lograr o propósito de gañar sería máis que suficiente para selar a salvación. De feito, todo o que sexa manter ao ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS nos actuais 3 puntos de diferenza cando cheguen as 21:00h, entre outras combinaciones, significaría conseguir o obxectivo, polo que o que lle suceda aos navarros no Olivo Arena tamén merecerá de certa atención.


Con máis ollos en Jaén estará un Real Betis Futsal que, coas mesmas 24 unidades que os de Tudela na táboa e o goal average perdido con eles, soña cun triunfo xiennense e sumar, a poder ser de tres, no Mourís para desmarcarse antes dunha dramática última xornada. Por contra, a situación inversa traduciríase directamente no descenso verdibranco. Ese é o destino que logrou evitar o cadro bético as últimas dúas campañas, co técnico Ramón Martínez acudindo ao rescate na 21/22 e regresando este curso desde o Filial para intentar repetir misión, en substitución do galego Bruno García.


Nas áreas atópase o gran debe do Real Betis, o conxunto con máis goles encaixados (122), e o 14º con máis dianas convertidas (as mesmas 73 que Ribera Navarra), non por iso incapaz de dar machadas como a lograda hai unhas semanas no Palau, superando ao Barça por 2-4. Paradoxicamente, aos das trece barras vailles mellor como visitantes, condición na que sacaron 16 puntos, que en Amate. Lin é o seu máximo anotador con 11 goles, seguido polos 9 de Piqueras e Raúl Jiménez. Lemine é a única baixa confirmada polo momento con respecto ao anterior encontro, no que os verdibrancos caeron por 3-5 ante Viña Albali Valdepeñas.


Será a última vez esta temporada, en competición ligueira, na que o Noia Portus Apostoli FS xogue diante da súa afección. Xunto aos seus, os brancos construíron neste último mes de remontada un fortín temible para calquera, onde queren escribir o capítulo definitivo para asinar unha aventura máis na elite.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos/. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venta na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 17:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través das cámaras da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 4 a partir das 19:00h.


Árbitros

Aitor Felipe Madorrán, do comité vasco, e David Urdánoz Apezteguía, do comité navarro. Dous encontros arbitrados ao Portus Apostoli por parte de Felipe Madorrán, con dúas vitorias noiesas, nun deles con Urdánoz Apezteguía como parella.


Precedentes

·23 de setembro de 2017 | X2 Segunda División 2017/2018 | BET 4-3 NPA


·20 de xaneiro de 2018 | X17 Segunda División 2017/2018 | NPA 2-3 BET


·30 de novembro de 2018 | X12 Segunda División 2018/2019 | BET 4-4 NPA


·6 de abril de 2019 | X27 Segunda División 2018/2019 | NPA 5-2 BET


·21 de setembro de 2019 | X2 Segunda División 2019/2020 | NPA 2-2 BET


·18 de xaneiro de 2020 | X17 Segunda División 2019/2020 | BET 2-0 NPA


·25 de novembro de 2022 | X10 Primeira División 2022/2023 | BET 2-2 NPA


·8 de abril de 2023 | X25 Primeira División 2022/2023 | NPA 4-4 BET


·2 de decembro de 2023 | X14 Primeira División 2023/2024 | BET 5-4 NPA


bottom of page