top of page

PREVIA X29 | Noia Portus Apostoli FS-Movistar Inter FS | Penúltima oportunidade

O conxunto noiés buscará unha vitoria que os clasifique matematicamente ao PlayOff, na primeira visita histórica ao Mourís de todo un transatlántico do fútbol sala mundial.
Os colexiados asturianos Diego Gallo Suárez e Rubén Hevia Campa dirixirán o encontro este sábado 13 de maio a partir das 18:30h, emitido en directo por LaLiga Sports TV.
Alisson e Lluc, de costas, pugnan polo balón nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

A persecución do PlayOff continúa este sábado, coa disputa da penúltima xornada ligueira. Non depender de resultados dos rivais directos para lograr a proeza de maneira matamática pasa simplemente pola vitoria. Sinxelo escribilo, pero moi complexo será superar a todo un Movistar Inter, que chegará a Noia por primeira vez na súa lendaria historia.


Para a cita, Marlon Velasco non poderá contar con Edu Jabá, baixa segura para o que resta de temporada tras coñecerse o alcance da lesión no seu xeonllo esquerdo. O brasileiro xa non estivo na dolorosa derrota encaixada nos últimos segundos en cancha do Quesos El Hidalgo Manzanares FS, xunto a Industrias Santa Coloma os dous equipos que aspiran a arrebatarlle a zona de PlayOff aos noieses, a catro e cinco puntos na táboa, respectivamente. Dúas derrotas brancas, co duelo ante os cataláns na última data, e practicamente un pleno son as únicas opcións que teñen os opoñentes de asaltar a oitava posición.


Chegar a esa cita sen urxencias clasificatorias é a misión, algo que tentará evitar un Movistar Inter FS co seu posto final aínda en xogo. Só un punto os separa da quinta praza que ocupa ElPozo, que non lles permitiría obter factor pista pero si unha mellor carta de presentación. Na súa primeira temporada á fronte, Pato logrou asentar a súa idea de xogo nun equipo de gran calibre ao que en inverno aterraron o pivote Fits, o á Lazarevic e os peches Rubi e Pola (ambos baixa) para aportar máis experiencia e talento aos Jesús Herrero, Drahovsky (máximo goleador con 17 tantos), Eric Martel, Carlao, Raúl Gómez... Un empate 3-3 contra o Viña Albali Valdepeñas é o último marcador dos interistas.


Como non pode ser doutra forma, prevese unha gran entrada no Agustín Mourís, do que o seu equipo agarda que sexa toda unha pota a presión para engadir o sábado 13 de maio á lista de días históricos da entidade. E é que Noia xógase o ser definitivamente un dos 8 mellores equipos da Primeira División e, por conseguinte, a presenza na loita polo título, ou o que é o mesmo, un novo fito no club e o deporte da vila.

 

Declaracións previas


Entradas


NON SOCIOS: 20€


XUVENIL (non socios entre 14 e 17 anos): 15€


INFANTIL (non socios menores de 14 anos): 10€


SOCIOS: GRATIS


Nenos/as da Escola Deportiva do club que non sexan socios/as: 5€ de desconto.


Á venda no local social (Rúa Carcasía, 7) se quedaran dispoñibles, o sábado 13 no local social de 12h a 13h e en taquilla do Municipal Agustín Mourís o mesmo día a partir das 16:30h.


Emisión en directo


LaLiga Sports TV emitirá en directo o encontro este sábado 13 a partir das 18:30h.


Árbitros


Os colexiados asturianos Diego Gallo Suárez e Rubén Hevia Campa.


Precedentes


·16 de decembro de 2022 | X14 Primeira División 2022/2023 | INT 4-3 NPA

コメント


bottom of page